28 de dec. de 2012

A GUARDA

"AS MARCAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA": UNHA EXPOSICIÓN QUE NINGUÉN DEBERA PERDERSE

Na exposición pode ollarse á porta con marcas de mariñeiros que ANABAM logrou rescatar recentemente

Infogauda / A Guarda

Na súa sede, sita na rúa Calvario, 44 - baixo, de A Guarda, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), amosa ata o vindeiro día 5 de xaneiro de 2013, unha moi interesante exposición que leva por título xenérico "As marcas dos mariñeiros da Guarda", e que pode visitarse - agás os días festivos - en horario de 11:30 á 13:00 horas e de 16:30 á 18:30 horas.
A exposición, feita posible grazas á iniciativa de ANABAM e á colaboura de mariñeiros e familiares de mariñeiros de A Guarda; constitúe unha mostra da riqueza etnográfica da comunidade pescadora do pobo guardés que compre recuperar para que ese patrimonio non se perda, como deseguro acontecería de non ser por iniciativas como á de ANABAM.
A exposición "As marcas dos mariñeiros da Guarda", amósanos unha ampla variedade da etnografía marítima de A Guarda

Con esta exposición o pobo de A Guarda, non soio recupera unhas das súas señas de identidade, nomeadamente da comunidade mariñeira, senón que logra avanzar no coñecemento dunha parte das súas tradicions ancestrais. As marcas ou siglas dos pescadores, son moito máis que iso. Son verdadeiros tesouros da nosa Cultura marítima. A Guarda non se podería entender sen o seu vencello co mar. Desde tempos prehistóricos foi así. As marcas dos pescadores, moitas delas xa identificadas por ANABAM cos seus correspondentes usuarios de outrora, xa que hoxendía ese tipo de comunicación visual prácticamente non se emprega; están configuradas por unha diversidade de símbolos coas súas correspondentes variantes, que permitían indicar á propiedade dos diferentes elementos que se empregaban na actividade pesqueira ou que tiñan relación con familias de pescadores. De tal xeito que as marcas eran empregadas para marcar - valga á redundanza - aparellos de pesca - cortizadas, cortizas, roseghas,...-, compoñentes das embarcacións - nomeadamente remos, timóns, carros, achicadeiras,...-e tamén outros bens - agullas de atar, patelas, bancas de lava-la roupa, etc. -, e por suposto para sinalar a pertenza da modesta vivenda familiar, pondo en lugar ben visible da porta de acceso, á marca do cabeza de familia, gravada a punta de navalla. Eran - en opinión de algúns investigadores - como as runas - símbolos - que empregaban na escritura os antigos escandinavos. En todo caso, as marcas dos mariñeiros de A Guarda teñen unha certa semellanza coas de outras comunidades de pescadores, como por exemplo á de Póvoa de Varzim, tan vencellada á de A Guarda desde tempos antigos. Cabe relembrar que a primeira exposición de etnografía marítima da que teñamos constancia, que tivo lugar na Guarda, foi en agosto de 1983. Daquela tivemos no nosa vila unha mostra das sigras poveiras e no día da súa inauguración contamos coa presenza de dúas  destacadas persoalidades da nosa Cultura, moi vencelladas ó mundo do mar: Valentín Paz Andrade i Eliseo Alonso Rodríguez.
Foi precisamente Eliseo Alonso quen alentou á creación na vila de A Guarda, de un Museo do Mar. Mesmo chegou a ofrecer unha vela de gamela - que posuía no seu Goián natal  - para escomenzar á andaina museística. Seíto non chegou a  ollar con ollos mortais o nacemento do Museo do Mar  de A Guarda, promovido pola Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), pero estamos seguro que de estar hoxendía entre nós, sentiríase ledo por haber avanzado na recuperación de unha parte do patrimonio etnográfico da comunidade pescadora de A Guarda. E iso, sen lugar á dúbidas, é mérito de tódalas persoas que ceden os materiais e por suposto da activa Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), porque se non fose pola súa iniciativa, probablemente hoxendía non poderíamos ademirar unha exposición tan importante culturalmente, como "As marcas dos mariñeiros da Guarda".

Ningún comentario:

Publicar un comentario