PEGADAS NO CAMIÑO MIÑOTO-RIBEIRO
Lourdes Maceiras / Ourense
A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de
Vigo, xunto cos concellos do Camiño Miñoto-Ribeiro (Lobios, Entrimo, Melgaço, Castro
Leboreiro (Portugal); Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia,
Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e Santiago de Compostela), e
a colaboración da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e do colectivo Medicina e
Arte, quere animarvos a crear un arquivo de datos deste Camiño.
Escribide, debuxade, pintade, fotografade, cantade... vellas
lendas, contos, refráns, anécdotas, historias de camiñantes, ruínas, fontes, igrexas, cantigas...,
todas esas aventuras e lugares que coñecedes e que ides coñecer...
O tempo de Nadal é tempo de encontros e de falar coa familia, con
esas avoas e avós que coñecen vellas historias que lles contaron hai xa moito tempo, con
veciñas e veciños que saben cousas do camiño..., falade con toda esa xente e contádenos
o que vos din.
Cada carta que recibamos vai ser unha estrela que alumee no camiño
para comezar a crear este arquivo.
Animádevos a participar. Neste tempo de agasallos, podedes
facerlle un bo agasallo á vosa terra, á vosa cultura.
Tedes de tempo para enviarnos cousas ata as vacacións de Pascua,
ao enderezo:
Á atención de Lourdes Maceiras
Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública
Universidade de Vigo
Facultade de Fisioterapia
Campus Universitario de Pontevedra
36005 PONTEVEDRA
Ou ben ao enderezo electrónico: lurdesmg@uvigo.es
Este Camiño existe dende moi antigo, aínda que non estea oficializado. Xa no ano 1783 o arcebispo de Santiago (que ía tomar as augas a Cortegada) pedíalle ao rexedor do Ribeiro que arranxara determinados puntos deste camiño para que puideran pasar mellor por el “peregrinos, viajeros y comerciantes”, como consta nos libros existentes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Municipal de Ribadavia (sito no Museo de Ribadavia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario