9 de xan. de 2014

BAIXO MIÑO

Os “biosoportes” inundan de novo o río Miño


  Manuel Ángel Pombal Diego / Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

   Unha morea de biosoportes aparece espallada polas beiras do río Miño coa chegada do 2014. O membro de ANABAM Ricardo Portela foi quen deu a voz de alarma cando nun paseo pola beira do río Miño efectuada o primeiro día deste ano se atopou con gran cantidade de biosoportes sobre a area e tamén mesturados coa broza arrastrada polo río na praia do Caldeiro, tamén coñecida como praia do Codesal. Nese mesmo momento xa recolleu máis de 30 pezas. O modelo de biosoporte é o mesmo que o que aparecera tanto en febreiro do 2010 como nos meses de maio e xuño do ano pasado, pero semella que o número de pezas é superior este ano, aínda que non é posible facer unha estima do número de pezas debido a que a maioría delas deberon chegar ao mar pola crecida do río despois das fortes chuvias.


  Os biosoportes son unhas pezas plásticas que se utilizan en procesos de depuración, e nas cales se fixan as bacterias que se utilizan nestes procesos, aumentando considerablemente a súa eficacia. Foron introducidos a principios do ano 2000 por uns investigadores noruegueses e, actualmente, no mercado hai varios modelos e tamaños que se utilizan por case todo o mundo, aínda que non todas as depuradoras usan este tipo de pezas plásticas. 

  Así mesmo, o propio Ricardo Portela puido confirmar a presenza de biosoportes desde a zona das docas da Pasaxe ata preto do Puntal na desembocadura do Miño, o que equivale a un treito duns 2,9 km en liña recta. Por outra banda, tamén atopou algún na praia de Area Grande, a cal se localiza uns 4,4 km ao norte da desembocadura do río Miño. 

  O sábado día 4 de xaneiro foron o propio Ricardo Portela máis Agustín Ferreira e Ricardo da Silva, todos eles membros de ANABAM, os que percorreron un treito do río Miño dende A Pasaxe (onde se tomaron as fotos que se acompañan) ata a praia da Lamiña, confirmando a presenza dun gran número de pezas. 

  Posteriormente, Ricardo da Silva atopou catro biosoportes na zona de Goián e uná altura de Carregal, ambas localidades pertencentes ao concello de Tomiño. Hoxe mesmo, Ricardo atopou seis biosoportes máis nun tramo curto de río despois da fortaleza sita na localidade portuguesa de Valença, e posteriormente un máis na beira galega, á altura do club de piragüismo existente en Tui (entre a ponte internacional vella e o destacamento de Cabo Fradera).


  ANABAM xa informou á SurfriderFoundationEurope, fundación europea que leva un rexistro dos casos de contaminación por biosoportes acontecidos en todo o mundo, e tamén ao SEPRONA, da presenza, de novo, dun gran número de biosoportes no río Miño, e mañá fará o propio co Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para tratar de aclarar cal é a orixe deste vertido ao río e poñerlle solución.

  Cabe salientar, tal e como nos informan dende a SurfriderFoundation, que teoricamente non hai risco de contaminación bacteriolóxica xa que as bacterias utilizadas nos sistemas de depuración de augas residuais non poden sobrevivir en auga salgada. Sen embargo, trátase dunha importante contaminación por plástico xa que estas pezas poden ser tragadas por diferentes especies de animais ao mesmo tempo que se van degradando en micropartículas de plástico que se mesturan no medio natural e poden ser inxeridas por todo tipo de organismos e chegar a cadea alimenticia humana, como acontece con calquera outra contaminación por plásticos. 

  Dende ANABAM solicitamos a colaboración cidadá para poder coñecer a dispersión total dos biosoportes; polo tanto, agradecemos que calquera persoa que atope algunha destas pezas nos informe, ben a través de ANABAM ou do seguinte enderezo electrónico: pombal@uvigo.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario