7 de maio de 2015

A GUARDA

FRANCISCO ÁLVAREZ ÁLVAREZ (KOKI), SERÁ HOMENAXEADO CO GALLO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Natural de A Estivada (Salcidos), Álvarez-Koki é autor dunha ampla obra poética, narrativa e xornalística. Ten sido incluido en distintas antoloxías e colabora en xornais de literatura de España, Portugal e Latinoamérica.

Francisco Álvarez - Koki
   Foto: Ricardo Rodríguez Vicente


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Julia Sobrino González e Marisol Diz Amil, presidenta e secretaria, respectivamente, da Agrupación Cultural Guardesa veñen de comunicar que "(...) na Asemblea Xeral Extraordinaria da A.C.G. celebrada o día 23 de abril de 2015, foi elexido Francisco Álvarez-Koki para ser homenaxeado co gallo do Día das Letras Galegas 2015".

 Francisco Álvarez-Koki naceu na Estivada (Cividans), A Guarda, en 1957,  e reside en Nova Iorque dende 1984. É autor dunha ampla obra poética, narrativa e xornalística. Ten sido antologado en distintas antoloxías e colabora en xornais de literatura de España, Portugal e Latinoamérica. Correspondente en Nova Iorque do xornal galego A Peneira.

 Ten publicados en galego os poemarios Lexanías, Maruxía, Máis aló de Fisterre, Alén da fronteira, Para abril e amantes; e as obras en narrativa Ratas en Manhattan e Un neno na emigración.

 Publicou poemas nas seguintes obras colectivas: A Coruña á luz das letras, En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova, Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro, A cidade na poesía galega do século XXI, 150 cantares para Rosalía de Castro.

 En castelán ten publicados os poemarios Poemas del verbo amar, Soliloquios del silencio, Para el amor pido la palabra, Sombra de luna, Desde la otra orilla, Entre dos aguas, Entre tu cuerpo y mi cuerpo, Nueva York en nueve poetas, Al fin del siglo.

 Publicou poemas nas seguintes obras colectivas: Nueva York en nueve poetas, Doce poetas entre rascacielos, Miradas de Nueva York, Seis narradores en Nueva York.

 Tamén é coautor co poeta colombiano Miguel Falquez-Certain, da obra de teatro Quemar las naves, primeiro premio no concurso Nuevas voces del Teatro Repertorio Español.

 O acto da homenaxe será o venres 5 de xuño ás 9 da tarde no Centro Cultural da Guarda. Falará sobre Francisco Álvarez-Koki, María do Camiño Noia Campos, profesora catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.


De esquerda a dereita: María del Camino Noia Campos, Xulián Maure Rivas, Loli Estévez Álvarez, María Xosé Queizán Vilas e Francisco Álvarez Álvarez (Koki), o 14 de agosto de 2014, co gallo da inauguración da exposición "O Mar no Mundo de Eliseo Alonso" . - Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

 Como ven sendo tradicional, a  A.C.G. entregará un libriño homenaxe aos asistentes ó acto.

 "Contaremos coa actuación do Grupo de Pandeiretas da A.C.G., dirixida por Berta Castro; o Grupo Antorcha, dirixido por María José Baz e o Quinteto de metais Ray-Band Brass, compoñentes da Agrupación Musical da Guarda", avanzaron Julia Sobrino González e Marisol Diz Amil.

MÁIS INFORMACIÓN SOBOR DE ÁLVAREZ - KOKI


Ningún comentario:

Publicar un comentario