8 de xan. de 2016

A GUARDA

As condicións do pavillón da Sangriña deixan fora A Guarda como sede da Copa da Raíña de Balonmán 

Dende o concello de A Guarda lamentan non dispoñer dun pavillón municipal que cumpra os requisitos que se esixen para un evento deste tipo

Os responsables municipais queren chamar a atención doutras administracións como a Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Consello Superior de Deportes, sobre a necesidade que ten A Guarda dun pavillón que cumpra coas demandas que, ademais do Mecalia-Atlético Guardés, teñen feito outros clubs, asociacións, e afeccionados da localidade


Plantilla de xogadoras e equipo técnico do Mecalia Atlético Guardés de Balonmán Feminino que milita na División de Honor Feminina (DHF)
Foto: Mecalia Atlético Guardés



Infogauda / A Guarda


 Por motivos alleos á vontade da cidadanía guardesa, o municipio de A Guarda non dispón das infraestructuras culturais e deportivas necesarias que ás diferentes entidades culturais, deportivas e sociais demandan. Esa é a realidade incuestionábel que ata o día de hoxe se pón de manifesto cada vez que algún colectivo pretende organizar un evento que trascenda o ámeto meramente local. 

 A pesares do seu amplo e heteroxéneo movemento asociativo e da súa constante actividade, o municipio de A Guarda carece de un Auditorio Municipal con un aforo semellante o que tiña o desaparecido Cine-Teatro Avenida e de un pavillón polideportivo municipal en condicions, que poidan acoller eventos que repercutan positivamente na economía da poboación guardesa e da súa comarca.


 Como á realidade é a que é, non resulta ningunha sorpresa que pese a contar no pobo de A Guarda con entidades que merecen todo o apoio municipal e extramunicipal, a carencia das devanditas infraestructuras as que vimos de referirnos, priven o municipio de A Guarda da posibilidade de poder acoller importantes eventos, como por exemplo - entre outros -, á Copa de la Reina, de Balonmán.

 Segundo ven de facer público o executivo municipal do concello guardés "o alcalde de A Guarda Antonio Lomba Baz mantivo, dende o pasado mes de decembro, contactos coa Federación Galega de Balonmán e a alcaldesa de Porriño para propoñer que a celebración da copa da Raíña tivese como sede os concellos de A  Guarda e O Porriño" .

 As mesmas fontes afirman que "o concello de A Guarda ofertou a súa colaboración en termos similares aos do ano 2013. Daquela a competición tivo como sedes os dous concellos e a participación económica de A Guarda foi de 6000 €. 

 Fai un días aparecía publicado nos medios de comunicación que a copa da Raíña de balonmán tería como sede exclusiva o concello de O Porriño. O alcalde de A Guarda púxose en contacto cos presidentes das Federacións Galega e Española para coñecer os pormenores desta decisión". 

 Desde o Concello de A Guarda sinalan que "o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, comunicou ao alcalde, Antonio Lomba, que na Federación, coñecedores da traxectoria do Mecalia-Atlético Guardés e da gran afección do pobo ao balonmán feminino, estaban interesados en que A Guarda fora sede da competición, pero que as esixencias impostas por Televisión Española, para a retransmisión dos partidos por Teledeporte, en canto ao escaso aforo do pavillón e ao limitado espazo para as cámaras, foron determinantes para descartar a vila guardesa como sede da competición". 

 De acordo coa nota de prensa recibida na mañá de hoxe na Redacción de Infogauda, "dende o concello de A Guarda lamentan non dispoñer dun pavillón municipal que cumpra os requisitos que se esixen para un evento deste tipo. Os responsables municipais queren chamar a atención doutras administracións como a Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Consello Superior de Deportes, sobre a necesidade que ten A Guarda dun pavillón que cumpra coas demandas que, ademais do Mecália-Atlético Guardés, teñen feito outros clubs, asociacións, e afeccionados da localidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario