23 de ago. de 2016

ECONOMÍA

A Xunta de Galicia e o sector de plantas ornamentais colaboran para mellorar a competitividade das empresas a través do selo Galicia Calidade 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou esta mañá en Oleiros coa Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste (Asvinor) o convenio que implanta este certificado nun sector que facturou 38 millóns de euros en 2015 e dá traballo directo a 1.500 persoas

Destacou que o acordo permitirá reforzar a presenza das empresas no mercado nacional e internacional, ao tempo que impulsa a creación de emprego estable  

Galicia Calidade conta na actualidade con 83 empresas asociadas cunha facturación que representa o 4,5% do PIB galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou esta mañá en Oleiros coa Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste (Asvinor) o convenio que implanta este certificado nun sector que facturou 38 millóns de euros en 2015 e dá traballo directo a 1.500 persoas


Infogauda / Oleiros (A Coruña)

 O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asinou esta mañá en Oleiros coa Asociación de Empresarios Viveiristas do Noroeste (Asvinor) o convenio de colaboración que permitirá implantar o selo Galicia Calidade entre as compañías que operan neste sector. O acordo ten como obxectivo impulsar a competitividade das empresas, ao tempo que supón para os consumidores un certificado que garante a calidade do produto que adquiren. No acto tamén estivo presente a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
 Conde destacou a implicación neste proxecto de Asvinor, que conta con 30 asociados que representan o 80% da produción de planta en Galicia, incidindo na importancia da colaboración público-privado para levar a cabo iniciativas que supoñen para o sector dar un salto cualitativo. Así, cada empresa que se dedique na comunidade galega á produción de plantas ornamentais terá a oportunidade de solicitar a súa adhesión a Galicia Calidade.
 Por este motivo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria animou ás empresas á sumarse a Galicia Calidade, a marca que certifica o saber facer dos produtores galegos e que na actualidade conta con 83 empresas cunha facturación global que representa o 4.5% do PIB galego e que dan emprego directo a 5.000 persoas. Conde subliñou que a obtención do certificado por parte dos viveiros de planta ornamental contribuirá a reforzar a súa presenza no mercado nacional e internacional, ao tempo que creará emprego estable e de calidade.
 O acordo asinouse esta mañá na Fundación Juana de Vega, á que o conselleiro agradeceu o traballo realizado con Asvinor para impulsar a actividade no sector da planta ornamental. En concreto, lembrou que esta Fundación redactou a guía que recolle a Norma de Calidade para a Planta Ornamental de Galicia, o que permite dispoñer dun catálogo de producións e homoxeneizar a planta producida nos viveiros galegos, converténdose na primeira comunidade autónoma española en contar con esta marca de orixe específica para o sector.
 Os viveiros de planta ornamental estanse a converter nun sector estratéxico e en crecemento en Galicia, aportando 1.500 empregos directos, dos que o 90% son para mulleres do rural, cunha facturación de 38 millóns de euros no último ano, da que o 20% corresponde a exportacións, o que converte a nosa comunidade como a quinta que máis exporta, cun incremento en 2015 do 20% con respecto a 2014. Ademais, Galicia é a maior produtora de camelia en Europa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario