22 de ago. de 2016

INFRAESTRUCTURAS

O proxecto, elaborado polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, recolle as consideracións dos alcaldes e da Federación Galega de Ciclismo e conta co visto e prace da Dirección Xeral de Tráfico 

A Xunta de Galicia inicia mañá as obras de reforzo da seguridade e reforma do carril bici da Estrada Vigo-Baiona-A Guarda 

A actuación substituirá os actuais separadores de formigón por outros de goma rebasables, ampliando o espazo ao que pode recorrer o ciclista deportivo en caso de necesidade 

Anchearanse as beiravías para a práctica deportiva e converteráse o carril bici nunha senda mixta para peóns e ciclistas turísticos, ao tempo que se intensificará a sinalización  

Trátase dunha actuación coherente cos principios do Plan Galego de Seguridade Viaria 2015-2020 e estará rematada a finais deste ano   



Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), inicia mañá as obras de reforzo da seguridade viaria e de reforma do carril bici da estrada entre Vigo, Baiona e A Guarda (PO-552), que suporán un investimento de 800.000 euros. Trátase dunha actuación que pretende compatibilizar as necesidades dos peóns, dos ciclistas e dos condutores e que estará rematada a finais deste mesmo ano.
 O proxecto foi redactado polos especialistas da Axencia Galega de Infraestruturas e na súa elaboración se recolleron as demandas dos alcaldes, da Federación Galega de Ciclismo e de diversos expertos en seguridade viaria, e a solución técnica conta coa conformidade da Dirección Xeral de Tráfico, coa que a Xunta traballa coordinadamente tanto neste proxecto como no impulso de campañas específicas de seguridade viaria.
 Estas actuación é coherente cos principios do Plan Galego de Seguridade Viaria 2015-2020, posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de ofrecer unha maior protección os usuarios mais desprotexidos das estradas.
 As obras consistirán na substitución dos actuais separadores de formigón presentes nesta vía por outros de goma rebasables, que amplían o espazo ao que pode recorrer o ciclista deportivo en caso de necesidade. Ademais, dotarase esta estrada de beiravías máis anchas, nas que será posible a práctica do ciclismo deportivo, mentres que o carril bici se estreitará e quedará convertido nunha senda mixta de utilidade tanto para peóns como para ciclistas turísticos.
 Por último, intensificaranse a sinalización nas rúas e beiravías para concienciar e sensibilizar a todos os usuarios sobre a importancia de respectar a tódolos usuarios das estradas.
 Con esta medida, a Consellería de Infraestruturas busca respectar todos os tipos de usuarios desta vía mediante a realización de varias actuacións para compatibilizar as necesidades de peóns, ciclistas e condutores e incrementar a seguridade dos usuarios vulnerables.
 Actuarase ao longo dos 51 quilómetros de lonxitude do carril que une Vigo con Baiona e A Guarda e contarán cun orzamento de 800.000 euros por parte do Goberno Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario