19 de ago. de 2016

TOMIÑO

O Son da Praza continúa este venres co rock and roll da banda galega Rockin’ Gina & The Sentinels  

O programa “O Son da Praza” está resultando un verdadeiro éxito de público dende a súa inauguración, o pasado mes de xullo, con cine, folclore, poesía, percusión electrónica e arte visual     

O músico galego Roi Casal pechará o ciclo cultural de verán cun gran concerto o sábado 27 de agosto     


Infogauda / Tomiño


 A Praza do Seixo segue a concentrar a actividade cultural de verán no concello de Tomiño.  

 O programa “O Son da Praza”, que comezou hai case un mes, conseguiu espertar o interese de residentes e visitantes, rexistrando unha alta participación, e ofrecendo propostas para todos os gustos, coma cine, baile e música folclórica, poesía, percusión electrónica, arte visual e diferentes concertos.  

 Este venres, día 19 de agosto, ás 22:00 horas, terá lugar un novo concerto, neste caso de música rock, coa banda galega Rockin ’ Gina & The Sentinels. Trátase dun cuarteto clásico de rockabilly con voz feminina e temas propios, melodías coidadas, ritmos enérxicos, letras poderosas e estética fiel aos anos 50′ . Rockin’Gina, de voz elegante e enérxica á vez, acompañada de contrabaixo, batería e guitarra, convértense en pioneiros e referentes do estilo en Galicia.  

 O venres día 26 de agosto, tocaralle á Agrupación Musical de Goián, que ofrecerá o concerto “Unha noite de amor con Lela”.  

Foto: Facebook

 E, finalmente, o sábado día 27 de agosto, o recoñecido músico Roi Casal chegará a Tomiño co seu espectáculo “Son galego, Son cubano”, pechando o programa de verán organizado pola Concellaría de Cultura, que dirixe Cristina Martínez.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario