22 de ago. de 2016

VITICULTURA

Areeiro recomenda extremar a vixilancia para evitar a aparición de botrite na vide 

Só recomendan aplicar tratamento se as uvas presentan danos ou feridas que poidan provocar a entrada do fungo 


Infogauda / Pontevedra

 A incidencia máis xeneralizada na viña durante esta semana son as posibles consecuencias das choivas deste venres e do pasado mércores. Desde a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomendan extremar a vixilancia ante a aparición de botrite, posto que a partires de agora é a enfermidade que máis pode comprometer a colleita. 

 Recomendan vixiar ademais os danos ou feridas da uva polas que podería entrar o fungo, como poden ser os danos provocados polos paxaros ou pola ‘polilla do racimo'. Segundo indican desde Areeiro as variedades de pel fina e acio compacto como Treixadura, Godello ou Loureira son os máis sensibles a esta enfermidade, polo que a vixilancia deber ser extrema nestes casos.  

 En caso de ser preciso aplicar o tratamento, desde a EFA recomendan facelo cara aos últimos días permitidos polas adegas, atendendo a que algunhas adegas xa estableceron a data de límite de tratamentos para finais da vindeira semana -nos casos de que non haxa esta limitación, os técnicos lembran que é imprescindible respectar o prazo de seguridade dos fitosanitarios que se utilicen nas aplicacións que se realicen a partires de agora-. Ao igual que a semana pasada, tamén se insiste especialmente na necesidade de retirar os acios afectados polos golpes de sol, que en situacións de humidade tamén facilitan a propagación do fungo da brotite.  

 No relativo a enfermidades como o mildeu e o oidio xa non se esperan danos nos acios, aínda que si poden aparecer manchas nos brotes novos e nas follas. No caso da aparición destas manchas de xeito significativo, recomendan aplicar un novo tratamento para evitar a defoliación, xa que podería comprometer a maduración da uva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario