21 de set. de 2016

CRECENTE

LUÍS BARÁ: “O BNG VE O MONTE GALEGO COMO UN RECURSO MULTIFUNCIONAL” 

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe en Crecente que é preciso apostar por modelos de aproveitamento innovadores 

Apostou por políticas de mellora na ordenación e na xestión para previr as consecuencias dos incendios  

Luís Bará, cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do vindeiro 25-S, na súa visita á empresa que produce fertilizantes con toxo e esterco aproveitando as rozas das comunidades de montes da zona. 

Infogauda / Crecente

 O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra ás eleccións galegas do vindeiro 25-S, Luís Bará, asegurou hoxe en Crecente que o BNG ve o monte galego como un recurso multifuncional que debe ser aproveitado. Bará insistiu que o goberno galego debe investir na ordenación e na boa xestión, así como apostar por modelos de aproveitamento “pioneiros e innovadores”. 

 Bará realizou estas declaracións na visita á empresa Abonos Lourido, que produce fertilizantes con toxo e esterco aproveitando as rozas das comunidades de montes da zona. “Hai moito diñeiro acumulado no monte. A xente ve o toxo como un problema, e haino que ver como unha oportunidade... É un símbolo do recurso do monte que non se aproveita”, subliñou o empresario responsable da iniciativa, que naceu en 1981 vinculada a unha granxa de cabras.  

Luis Bará - no centro da imaxe - atendendo ás espricacions do propietario da planta de abonos

 Bará destacou o traballo feito na planta de abonos e dixo que a visión de aproveitamento do monte coincide coa que fai o BNG. Destacou que Galiza ten un grande potencial e subliñou queé preciso xuntar o aproveitameto forestal con funcións sociais e ambientais. Así, asegurou que é posible compatibilizar os usos produtivos directos con aproveitamentos complementarios de froitos ou cogomelos, con usos recreativos, de difusión de valores ambientais ou de goce da paisaxe. En canto á produción de madeira, Bará lembrou que o BNG defende a diversificación e a aposta por plantacións de frondosas e por madeiras de calidade, cun incremento dos procedementos de certificación forestais e apoios ás liñas de silvicultura. 

 “A principal cuestión é que hai que mudar a tendencia actual, apostar polo investimento na ordenación e boa xestión do monte, cunha visión de medio a longo prazo e de futuro e reducir o gasto, que é enorme, nas consecuencias da mala xestión, que son principalmente o abandono e os incendios”, asegurou o candidato nacionalista. Salientou a necesidade de retomar as políticas preventivas relacionadas con infraestruturas de protección e de ordenación do espazo forestal, na colaboración coas comunidades de montes, na elaboración dun plan xeral de rozas –que poderían estar vinculadas a iniciativas similares á de Lourido- e en retomar a profesionalización do dispositivo de extinción, entre outras cuestións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario