24 de set. de 2016

PONTEVEDRA

O Plan Concellos 2016 chega ao 95% de execución con preto de 38 millóns investidos nas vilas da provincia 

Dos 60 municipios da provincia que integran o Plan Concellos, 42 xa teñen completado o 100% das catro liñas de actuación Carmela Silva 


Infogauda / Pontevedra

 O grao de execución do Plan Concellos 2016 sitúase hoxe ao 95% tendo en conta as súas catro liñas de actuación (1 de investimentos; 2 de gastos correntes, amortización e pagamento de débedas; 3 de actividades deportivas, culturais, musicais e medioambientais e 4 de plan de emprego). As liñas 2, 3 e 4 xa están ao 100%, mentres que a liña 1, a única cuxo orzamento inda non se completou, xa se atopa ao 93%. Isto supón que, na actualidade, preto de 38 millóns de euros da Deputación de Pontevedra (37,9 millóns) xa están investidos nos concellos a través deste plan provincial de cooperación coas vilas.  

 Dos 60 concellos da provincia que integran o Plan Concellos (todos agás as cidades de Pontevedra e Vigo, que contan con plans especiais), a día de hoxe hai 52 que xa teñen concedido o 100% das catro liñas e os oito que non o completaron estarán ao 100% nas próximas semanas, xa que a maioría deles están xa agora arredor do 90%. Estes oito concellos son Caldas de Reis, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Moaña e Ponte Caldelas. A través da Xunta de Goberno e resolucións presidenciais, a institución provincial está a traballar para aprobar o 100% das axudas integradas no Plan Concellos 2016 nas vindeiras semanas.  

 O Plan Concellos 2016, a día de hoxe, leva investidos 38 millóns de euros, dos 40 millóns previstos, nos 60 municipios da provincia incluídos neste plan provincial. Só queda por completar a liña 1 de investimentos, que se atopa xa ao 93% con 25,5 millóns de euros destinados para investimentos nos  municipios.  

 Dentro das políticas de apoio aos concellos dende a institución provincial, cómpre lembrar ademais que aos 40 millóns de euros do Plan Concellos 2016 lles hai que sumar todas as axudas dos distintos servizos provinciais –servizos sociais, deportes, xuventude ou cultura, entre outros–. Deste xeito, sitúase por enriba dos 60 millóns de euros a cifra total de investimentos este ano nos concellos da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario