26 de set. de 2016

PONTEVEDRA

Asistentes á Conferencia Internacional do Kiwi visitan Areeiro para coñecer as investigacións que se realizan sobre este froito 

Na Estación Fitopatolóxica de Areeiro estase a realizar un intenso traballo para diagnosticar e controlar a propagación da bacteria PSA, que supón a principal causa de perdas a nivel económico no sector do kiwi   



Infogauda / Pontevedra

 Establecer métodos de diagnóstico e de control da bacteria PSA -Pseudomonas syringe actiniadiae- que afecta ás plantacións de kiwi galegas desde o 2011 é unha das principias liñas de investigación que a día de hoxe ten aberta o laboratorio da EFA. E coñecer o estado destas investigacións foi o obxectivo principal da visita que esta mañá realizaron ás instalacións de Areeiro máis de 60 persoas que participarán a vindeira semana na 35 Conferencia Internacional do Kiwi.  

 As enfermidades de orixe bacteriano no cultivo do kiwi son a primeira causa de perdas económicas, principalmente o cancro bacteriano causado pola bacteria PSA, polo que desde a EFA estase a traballar activamente na súa caracterización, bioloxía, métodos de diagnóstico e de control. A esta investigación súmanse os estudos agronómicos, e en especial fitopatolóxicos, que permiten dar conta do estado sanitario das plantacións, e que tamén se amosaron no percorrido desta mañá. Esta visita forma parte das actividades previas á conferencia que terá lugar os días 26 e 27 na Illa da Toxa e que contará coa participación de representantes dos países da  IKO -International Kiwifruit Organitation-: Francia, Italia, España, Grecia, Estados Unidos, Nova Zelandia, Corea e Chile.  

 Desde o inicio da actividade da EFA en 1980, o estudo da patoloxía do kiwi foi unha das úas liñas prioritarias. Este cultivo fora iniciado na Galiza en 1960, e a día de hoxe a produción de kiwi galega supón o 80% da produción total do Estado, mentres que a superficie dedicada a este cultivo sitúase no 70%. Debido á demanda dos kiwicultores e dos viveiristas para dispoñer de material vexetal adecuado para as plantacións comerciais, iniciouse un programa de caracterización morfolóxica, xenética e agronómica de plantas estaminíferas e pistiliferas de kiwi. Outra das liñas de estudo, é a mellora das propiedades organolépticas relacionadas coa textura e dozura do froito maduro, polo que na EFA tamén se están realizando estudos sobre a evolución dos parámetros organolépticos durante o ciclo vexetativo. En colaboración con algunhas empresas do sector, estase a facer un seguimento da fenoloxía de diversas plantacións co obxectivo de caracterizar o seu ciclo vexetativo e determinar o momento óptimo da aplicación de fertilizantes, produtos fitosanitarios e reguladores, poda, anelado, apoio da polinización e aclareo. Por último, tamén se realizan estudos para mellorar o tamaño do froito e o número de froitos por planta, coa aplicación de diversas substancias para mellorar o calibre, con distintas técnicas de cultivo e coa aportación de polen.   

A bacteria PSA  
 Esta bacteria, que foi detectada por primeira vez en Xapón e Corea en 1984, constitúe na actualidade unha enfermidade emerxente que está ocasionado importantes perdas en China, Italia, Nova Zelandia, Francia, Portugal e Chile. É no 2008 cando cobra importancia debido aos danos producidos nas plantacións italianas, por un tipo de cepa moi virulenta que foi denominada PSA-3. A partires desta data, a enfermidade propágase de forma moi rápida a zonas produtoras de todo o mundo e mostrando, ademais, unha gran capacidade de adaptación ao ambiente e unha gran variabilidade, o que dificulta a súa identificación.  

 Desde a aparición da bacteria en Italia, realízanse mostreos periódicos para comprobar a presenza da enfermidade e no 2011 detéctase por primeira vez en Galiza, constituíndo a primeira referencia no Estado. Desde o momento da detección da bacteria en cultivos galegos,, desde Areeiro desenvólvense diferentes liñas de traballo que inclúen a mostra e caracterización dos illados obtidos nas plantacións galegas, a posta a punto de protocolos para a detección da bacteria, e o estudo da enfermidade e a súa epidemioloxía a través do seu ciclo biolóxico, insectos implicados na súa transmisión e alternativas de control. Tamén se traballa na detección e caracterización dunha nova poboación de baixa virulencia, en ensaios de campo para evitar a disenimación da enfermidade. A EFA participa, ademais, en proxectos internacionais relacionados co estudo da bacteria, así como con revistas especializadas divulgando os estudos realizados até o momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario