24 de set. de 2016

PONTEVEDRA

Carmela Silva reivindica a capacidade emprendedora, creativa e innovadora da provincia de Pontevedra 

Na apertura de Pont Up Store, en Pontevedra, destacou a importancia de eventos coma este en espazos públicos para darlle visibilidade ao emprendemento  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, con unha xoven emprendedora
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou onte o potencial emprendedor, creativo e innovador da provincia de Pontevedra, "unha provincia chea de futuro, onde hai moitas mulleres e homes con grandes ideas e dispostos a arriscar, a ver o futuro con ilusión. É hora de pasar do temor destes anos de crise a unha situación de ilusión e motivación". Silva fixo estas declaracións na apertura de Pont Up Store, un evento que, no seu terceiro ano, xa se ten convertido no espazo de referencia do emprendemento en Galicia.  

 Silva destacou a importancia de Pont Up Store por ser "unha iniciativa innovadora, por poñer en marcha novas ideas e liderar así a cultura emprendedora na nosa sociedade, algo que por desgraza ata agora no noso país non forma parte do noso ADN". Salientou ademais que se trata dunha iniciativa que nace do acordo de moitas intelixencias, entre as que está o concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo a través do Campus Crea de Pontevedra ou a propia Deputación de Pontevedra. "Alégrome de que todas e todos entendamos que o futuro das persoas depende do mundo local e do mundo da cercanía, hoxe en día temos que traballar en que o mundo global se entende dende o mundo local", concluíu. 

 A presidenta resaltou a necesidade de celebrar eventos como Pont Up Store en espazos públicos, como son as rúas de Pontevedra, "xa que son os espazos de todos e todas e son os que nos permiten de verdade visibilizar o talento, a creatividade, o coñecemento e a capacidade de innovación que ten a nosa xente". Silva rematou a súa intervención loando o papel das Universidades públicas, como a UVI impulsora deste foro, que apostan pola innovación e polo emprendemento, "e que están detrás do latexo e do corazón de iniciativas coma esta, que o que fan é achegar as ideas e os proxectos creativos á xente da rúa".  

 Pont Up Store é un evento único, onde se reúnen emprendedores, profesionais, estudantes, empresas, institucións, inversores e público en xeral, xirando todo en torno ao emprendemento e a creatividade. É a terceira edición que se celebra deste foro, que xa se ten consolidado como o espazo de referencia do emprendemento en Galicia. Dende onte pola tarde ata mañá sábado teñen lugar foros, coloquios, charlas, talleres, sesións de networking ou xogos colectivos, entre outras actuacións, sempre xirando en torno ao emprendemento e a creatividade. Preto de 40 proxectos emprendedores preséntanse ademais nos stands do evento, podendo así darse a coñecer, ampliar clientela ou buscar novas vías de financiamento.  

 Entre os proxectos presentes, a presidenta da Deputación destacou o dun grupo de mulleres de Xixón, vítimas de violencia de xénero, que teñen en marcha unha iniciativa, "mostra de que, aínda nas situacións máis difíciles, con ilusión, empeño e apoio se poden sacar adiante ideas e proxectos". Así mesmo, tamén ten un espazo a empresa Kuzunguka, emprazada no viveiro de empresas de Lalín impulsado pola Deputación de Pontevedra, unha empresa de desenvolvemento de aplicacións móbiles, que pretende levar o Internet das cousas ás situacións de mobilidade. 

 Onte pola parte, dende a Deputación tamén se deron a coñecer as novidades do proxecto SmartPeme, unha forte aposta polo uso das novas tecnoloxías para axudar a pemes, autónomos e profesionais a mellorar ou pór en marcha os seus proxectos. Foi no obradoiro "Coñece a rede SmartPeme e comeza a comercializar os teus servizos a través das redes sociais". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario