24 de set. de 2016

TOMIÑO

O segundo Bio-Mercado de Tomiño reunirá este domingo 70 postos de comida, artesanía, cosmética natural, horta, mel,…  
Os praceiros do mercado municipal ofrecerán diferentes tapas, pinchos e pratos especiais a prezos populares Ao longo da xornada haberá distintos talleres e demostracións en vivo; exposicións e sesións de zumba    

A Praza do Seixo e o mercado municipal de Tomiño acollerán este domingo unha nova edición do BIO-MERCADO TOMIÑO
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Este domingo, día 25 de setembro, a Praza do Seixo e o mercado municipal de Tomiño acollerán unha nova edición do BIO-MERCADO TOMIÑO. 

 Setenta postos de comida, artesanía, cosmética, horta ecolóxica, mel e plantas ocuparán a praza principal da vila entre as 11.00 e as 21.00 horas.  

 Ademais, os praceiros do Mercado Municipal ofrecerán degustación de tapas e pinchos a prezos populares. Por 1,50€ será posible probar as Tapas de Mercado en algúns postos (Peixería Chelo; Bacalaos Barcas e O Fogón do Mercado).  

 Asemade poderanse degustar os Sabores do Mercado; por exemplo, en Charcutería Nuria, haberá táboas de queixos e embutidos, e en Horta da Vella e Froitas Berbe, ensaladas e brochetas de froitas con chocolate, nata ou azucre.  

 A presentación do evento tivo lugar no primeiro andar do propio mercado, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, e o coordinador do evento, Carlos Rodríguez, da empresa Ekohuerta Medicinal.  

 Na oportunidade, Carlos Rodríguez explicou que desta vez se priorizará a oferta gastronómica, aumentando o número de postos de comida, con respecto á primeira edición, aínda que tamén haberá artesanía, antigüidades, produtos de segunda man, etc.  

 Coma novidades, sumaranse tamén postos de horta e plantas, mel, polbo, cosmética natural, cervexa artesá, demostración de cociña vegana e con especias; curso infantil sobre cultivo de horta, traballo artesanal en vivo en madeira, etc.  

 Por outra parte, o bio-mercado contará cunha vertente lúdica e de actividades moi interesantes para adultos e público infantil, como as relacionadas co mundo ECO, que virán complementar a celebración. Haberá ademais un espectáculo de maxia, co mago Zanas; Sesión Vermú co Dúo A Viola, Discomobil e Sesión de Zumba.  

 Dúas mostras porán a nota cultural e divulgativa á xornada do domingo: exposición de fotos antigas de Tomiño, no primeiro andar do mercado, e de minerais, na planta baixa. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, explicou que a organización do bio-mercado encádrase na estratexia municipal de dinamizar o comercio e a vida social da veciñanza, pondo en valor ao mesmo tempo os espazos públicos.  

 O concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, indicou que a disposición dos postos foi coidadosamente estudiada para aproveitar o mellor posible o espazo, sen causar molestias aos peóns. Estes poderán circular con tranquilidade, xa que se cortará ao tráfico o acceso á rúa A Guarda.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario