21 de out. de 2016

A GUARDA

O DESEÑO DE PABLO COBALLES E ANXO SÁNCHEZ, GAÑADOR DO CONCURSO “MASCOTA DA BIBLIOTECA” DA GUARDA 

Heraldo, que así se chama a mascota elixida, será presentado en público este sábado día 22 de outubro, na primeira cita dos Contos Contados

"Heraldo", deseño realizado por Pablo Coballes García e Anxo Sánchez Higuero, será a Mascota da Biblioteca Municipal de A Guarda


Infogauda / A Guarda


 Unha das principais novidades da campaña “Vive a Biblioteca 2016/17”, para o fomento  da lectura no público máis xove da Guarda, foi a creación do concurso “Mascota de Biblioteca”. Entre os diversos deseños que se presentaron durante o mes de setembro, o xurado escolleu como gañador o realizado por Pablo Coballes García e Anxo Sánchez Higuero.  

 A decisión foi tomada o pasado 10 de outubro por un xurado composto por Águeda Súarez Vicente, deseñadora e profesora de pintura; Teresa Espejo Guardiola, Técnica de Cultura do Concello de A Guarda e María Soledad Diz Amil, Bibliotecaria do Concello de A Guarda. O xurado tivo en conta a calidade artística e técnica, así como a adaptación da composición ós obxectivos do concurso como criterios para elixir de entre todas as propostas presentadas a que se converterá a partir de agora na mascota da Biblioteca da Guarda.  


 Deste xeito, o deseño de Pablo Coballes e Anxo Sánchez será a Mascota de Biblioteca da Guarda, representándoa en diferentes formatos e acompañando a tódalas iniciativas que dende a Biblioteca se realicen. Heraldo, que así se chama a mascota elixida, será presentado en público este sábado día 22 de outubro, na primeira cita dos Contos Contados. Retómase así a cita mensual coa Biblioteca de 11:30 a 12:30, que se inaugura neste curso cunha data adicada á Nosa Biblioteca, con motivo do Día das Bibliotecas que se celebra o vindeiro luns 24 de outubro. Ese día, para conmemorar esta data, todos os que se acheguen ese luns ata a Biblioteca recibirán un libro de agasallo.  

 Esta primeira data da programación dos Contos Contados, que se estenderá ata o fin de curso, estará amenizado polo contacontos, e tamén haberá un obradoiro de Goma Eva, un Photocall e máis sorpresas. Así mesmo este acto incluirá a entrega do premio á parella gañadora do certame, que consiste nun lote de libros e un agasallo doado pola copistería “Copisterium”.  

 Ademais, para que todos os veciños da Guarda podan coñecer a recentemente elixida Mascota da Biblioteca, farase un mural coa axuda de voluntariado xuvenil, que  axudará á promoción da Biblioteca durante todo o ano.  

 A Concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, agradece a grande participación e colaboración das persoas que presentaron traballos ao certame, así como a colaboración dos centros de ensino. 

 Todos os participantes que o desexen poden retirar os deseños presentados no prazo dun mes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario