9 de out. de 2016

CULTURA

RECANTO DA ARTE

CAÍNO, O PINTOR DE BAIONA, EXPÓN NA CIDADE DE VIGO

A exposición "As cores da memoria", pode visitarse ata o día 4 de novembro, na Galería Soho (Praza de Compostela, 8)

O pintor Caíno no seu estudo
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente

Ricardo Rodríguez Vicente / Vigo

 Tras unha etapa de creatividade e de produción continuada, Caíno, o pintor de Baiona, fixo unha pausa para expoñer as súas obras na Galería Soho (Praza de Compostela, 8), de Vigo. 

 Ata a cidade olívica, o pintor miñorano levou obras de diferentes formatos. En todas elas, o pintor deixou o seu sinal persoal, tanto estílistica como técnica, e temáticamente. 

 Os cadros ao óleo de Caíno reflicten claramente o óptimo momento creativo que vive o artista, que sen ningún tipo de condicionantes dedica o seu tempo á Arte, con maiúsculas. 

 Nos cadros de Caíno asómanse mulleres, nenos e homes, de miradas perdidas no tempo. Todos eles son os verdadeiros protagonistas de "As cores da memoria". O recordo da muller do pescador que mira cara ao horizonte, mentres agarda no peirao a chegada do seu home, que traerá, se á marea foi propicia, o peixe que será o sustento económico da familia e o alimento doutras semellantes.    

 A nostalxia do neno que todos fomos, cando xogabamos en plena rúa, mentres as nosas nais reparaban as redes, ou realizaban inumerables tarefas domésticas, sempre coa mellor disposición e un amor inabarcable para todos os seus.   

 A contorna paisaxística do medio ambiente do pintor, que nos evoca a Baiona de mediados do século pasado, no que todos crecemos con moi pouco pero aínda así eramos moi felices.    

 As romarías de Santa Marta e de San Cosme e San Damián, co bulicio característico dos días grandes, no que todos nos atopamos e exercemos como veciños que somos, sen présas, deixando o trafego habitual para os días de madrugón e faena.   

 Todo iso, e aínda máis, podémolo atopar na magnífica e heteroxénea obra de Caíno, un pintor comprometido coa súa vocación artística, renunciando ao superfluo para centrarse no que para el é o realmente importante. Un artista recoñecido, dentro e fóra do seu hábitat natural, que explora novas propostas plásticas, sen renunciar nunca á esencia do seu labor.    

 A obra de Caino é moi persoal. Mesmo irrepetible. En ocasións, a materia móstrasenos en vigorosos empastes, de cores consideradas frías, en contraste con superficies cálidas, máis sen estridenzas, e que ao mesmo tempo presentan un dinamismo harmónico.   

 Figuras antromorfas, mulleres, homes e nenos, paisaxes, romarías, vistas do porto de Baiona,..., son algunhas das propostas que Caino presenta na Galería Soho, de Vigo. Unha mostra que non deixará indiferente a quen acuda a vela.   

 A intención de Caíno é "amosar e transmitir con estes cadros tenrura, harmonía, ledicia, dor, misterio,... Agardo que lestes cadros digan algo, porque son eles as que teñen que falar, as palabras sobran,... Se atopades neles un pouquiño do que eu quixen transmitir, entón dareime por satisfeito (...)".  

 Coidamos que con certeza, nos cadros de Caíno hai ademais de todos eses valores, un considerable agarimo por todo o que fai.

 A exposición "As cores da memoria", pode visitarse ata o día 4 de novembro, de luns a venres, en horario de 10:30 a 14:30h.  e de 16:30  a 20:30h., e os sábados de 12:00 a 14:00h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario