18 de out. de 2016

MONDARIZ

OS VECIÑOS DE MONDARIZ REUNÍRONSE HOXE PARA REALIZAR AS SÚAS APORTACIÓNS AO PLAN DE MOBILIDADE FINANCIADO POLA DEPUTACIÓN  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez agradeceu o alto interese e participación nas reunións sectoriais   

O deputado provincial da Deputación, Uxío Benítez, manifestou hoxe o seu agradecemento a todos os veciños e representantes da vila por participar do plan
Foto: D. P.

 Os veciños de Mondariz reuníronse esta tarde para realizar as súas aportacións ao Estudo de Mobilidade que financia a Deputación de Pontevedra. No encontro puxeron enriba da mesa cales son as súas prioridades de actuación, que despois serán evaluadas e contrastadas para incorporalas no documento definitivo. Ata o de agora xa se realizaron enquisas e reunións con representantes do comercio e a hostelería, o transporte e as parroquias.  

 O deputado provincial da Deputación, Uxío Benítez, manifestou hoxe o seu agradecemento a todos os veciños e representantes da vila por participar do plan. “Os veciños e veciñas están contentos de que se escoite a súa opinión para deseñar o futuro da vila e o equipo redactor está obtendo un moi bo material para realizar as súas propostas. Hai un alto nivel de participación e interese en realizar aportacións construtivas, xa que a pesares de haber sensibilidades diferentes sobre as necesidades de Mondariz, estase chegando a entendementos, que é o que queremos para chegar a unha proposta de mobilidade que poida trascender ao goberno actual”, subliñou.  

 O Plan de Mobilidade servirá de folla de ruta para realizar peonalizacións, mudar direccións de tráfico e establecer bolsas de estacionamento, así como para ordenar o espazo público en xeral. O obxectivo é deseñar unha correcta convivencia entre os desprazamentos diarios dos veciños e os usos económicos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. “Na Deputación apostamos por facer das persoas o centro de todas as actuacións e queremos que o deseño e uso dos espazos públicos siga ese criterio, pero tense que facer con datos obxectivos e tendo en conta todas as sensibilidades para garantir unha correcta convivencia”, sinalou.  

 Nestes momentos, a empresa TEC (contratada pola Deputación para elaborar o plan) finalizou xa a fase de obtención de datos con medicións de tráfico nos principais cruces da vila, conteos de prazas de aparcamento públicas e privadas e  número de vados, así como diferenciando a tipoloxía de espazos públicos (pavimentos, arboredas,…) no concello.  

 Durante esta semana estase a desenvolver o proceso de participación social, que pretende chegar a unha mostra representativa da poboación de Mondariz. A intención é que os veciños da vila participen nunha enquisa na que se determinen cales son os usos e actividades fundamentais para o municipio, cales son as necesidades e problemáticas do espazo público e cales poden ser as melloras relativas á mobilidade.  

 No día de onte mantivéronse tres encontros sectoriais: con representantes das parroquias (comunidades de montes e veciños), do transporte (taxistas, empresas de autobuses e transportistas) e con comerciantes e hostaleiros, que foi o máis numeroso e máis produtivo xa que reuniu a propietarios de bares, ferreterías, inmobiliarias, talleres, supermercados, librarías, panaderías, tendas de gominolas, perruquerías, tendas de electrodomésticos, seguros e pastelerías, entre outros.  

 Para hoxe estaba previsto un encontro veciñal ao que foran convocados representantes dos centros de día e de saúde, o CPI, a ANPA, as asociacións culturais Castromao e Búrbida, a asociación deportiva Mondariz, a asociación veciñal Xabriña, a asociación de maiores e membros da Fábrica de Augas de Mondariz. Así mesmo, e coa idea de contrapoñer as visións dos veciños cos diferentes sectores, tamén asistirán representantes de cada unha das mesas sectoriais das parroquias, transportes e comercio que onte celebraron os seus encontros. Deste xeito, quérese buscar aportacións e solucións consensuadas sobre os diferentes puntos de vista que existen sobre a mobilidade na vila. 

 Finalmente, o último chanzo da fase da participación é a dos grupos políticos. No día de hoxe estaba previsto un encontro da Corporación municipal no que finalmente non participaron os grupos da oposición, polo que se fixará unha nova data que permita a maior implicación de todos os membros do concello. A intención do grupo redactor do plan é que cada grupo político de Mondariz poida plantexar os problemas de mobilidade que ten detectados na vila e as súas propostas de intervención coa finalidade de poder encaixalas no documento final. “Os grupos políticos deben ter o seu espazo neste traballo e toda a información para defender as súas ideas”, explicou un dos redactores do estudo. Entre as aportacións que deben facer os grupos da Corporación está a decisión de cal debe ser o eixo que ‘tire’ da economía en Mondariz, xa que en función desa estratexia poderanse aplicar diferentes solucións. As propostas do grupo redactor abarcan que Mondariz sexa un centro de servizos, que aspire a ser un punto turístico aproveitando as súas potencialidades, ou que sexa un punto de atracción de vivenda con calidade a un prezo razoable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario