21 de nov. de 2013

PADRENDA (OURENSE)

ESTE VENRES INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN COLECTIVA ITINERANTE "QUEREMOS SAUDARTE DENDE O CAMIÑO XACOBEO MIÑOTO-RIBEIRO, 2013"

Lourdes Maceiras García / Padrenda

Estamos camiñando este ano, 2013, polo Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro, cunha exposición itineranteorganizada pola Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigocoa colaboración da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e do colectivo Medicina e Arte (médicos e médicas que, no seu tempo de lecer, adícanse as Artes Plásticas) e co patrocinio dos diversos concellos que, pertencendo a este Camiño, acollen a exposición na súa localidade.
Fixéramos xa unha exposición en outubro e novembro de 2009, en Ribadavia, na Igrexa da Magdalena. O obxectivo desta exposición fora a presentación pública e aos medios de comunicación da exposición itinerante que pensabamos facer no ano 2010 (Ano Santo), pero non foi posible entón. Nunca abandoamos a nosa teima, e, por fin!, levámola a cabo agora. O obxectivo desta exposición e mobilizar á xente dos concellos polos que pasa este Camiño, e visibilizalo a toda a sociedade galega, para que despois traspase as nosas fronteiras e se espalle a información polos camiños adiante; promocionalo para que sexa outro Camiño Xacobeo máis e con máis peregrinos dos que ten agora, e que todo iso sirva para mellorar a calidade de vida desta zona e os seus habitantes, e que todo isto leve á declaración deste Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro como un dos Camiños de Santiago “oficiais ”; meta que é moi importante, tanto para estas comarcas, como para toda Galicia.
Este Camiño existe dende moi antigo, pero aínda non está oficializado, aínda que en 1783 o arcebispo de Santiago (que ía tomar as augas a Cortegada) pedíalle ao rexedor do Ribeiro que arranxara determinados puntos deste camiño para que poideran pasar mellor por el “peregrinos, viajeros y comerciantes”, como consta nos libros existentes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Municipal de Ribadavia (sito no Museo de Ribadavia).
No Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro hai abondosos vestixios de Ordes Hospitalarias, sobre todo da de San Xoán de Xerusalen, ou Cabaleiros de Malta, e dos seus hospitais; así como de lazaretos, e de fontes de augas mineiro-medicinais utilizadas polos peregrinos enfermos.
Por todo o dito, e porque queremos coñeceros e compartir convosco este momento importante, é polo que vos invitamos á inauguración da exposición no Concello de Padrenda (3ª etapa deste ano) este venres, día 22, ás 12 h, no edificio do Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario