11 de dec. de 2013

OURENSE

PEGADAS NO CAMIÑO MIÑOTO-RIBEIRO


Convocatoria aberta para á creación de un arquivo de datos deste Camiño Xacobeo

Lourdes Maceiras / Ourense

  A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo, xunto cos concellos do Camiño Miñoto-Ribeiro (Lobios, Entrimo, Melgaço, Castro Leboreiro (Portugal); Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e Santiago de Compostela), e a colaboración da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e do colectivo Medicina e Arte, quere animarvos a crear un arquivo de datos deste Camiño.

  Escribide, debuxade, pintade, fotografade, cantade... vellas lendas, contos, refráns, anécdotas, historias de camiñantes, ruínas, fontes, igrexas, cantigas..., todas esas aventuras e lugares que coñecedes e que ides coñecer...

  O tempo de Nadal é tempo de encontros e de falar coa familia, con esas avoas e avós que coñecen vellas historias que lles contaron hai xa moito tempo, con veciñas e veciños que saben cousas do camiño..., falade con toda esa xente e contádenos o que vos din.

   Cada carta que recibamos vai ser unha estrela que alumee no camiño para comezar a crear este arquivo.
Animádevos a participar. Neste tempo de agasallos, podedes facerlle un bo agasallo á vosa terra, á vosa cultura.

  Tedes de tempo para enviarnos cousas ata as vacacións de Pascua, ao enderezo:

Á atención de Lourdes Maceiras
Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública
Universidade de Vigo
Facultade de Fisioterapia
Campus Universitario de Pontevedra
36005 PONTEVEDRA

Ou ben ao enderezo electrónico: lurdesmg@uvigo.es

  Este Camiño existe dende moi antigo, aínda que non estea oficializado. Xa no ano 1783 o arcebispo de Santiago (que ía tomar as augas Cortegada) pedíalle ao rexedor do Ribeiro que arranxara determinados puntos deste camiño para que puideran pasar mellor por el “peregrinos, viajeros y comerciantes”, como consta nos libros existentes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Municipal de Ribadavia (sito no Museo de Ribadavia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario