17 de feb. de 2015

CULTURA

Barferencia en Baiona sobre os primeiros resultados das escavacións da Cabeciña


Xosé Gago / Baiona
Coordinador do Proxecto Mougás e das escavacións na Cabeciña

 O próximo xoves día 19 de febreiro, celebrarase unha barferencia sobre o Proxecto Mougás na cervexería La Micro de Baiona. Trátase dun evento no que se presentarán as novidades dos traballos arqueolóxicos da Cabeciña no marco do Proxecto Mougás. O acto terá lugar en La Micro de Baiona, situada no Mercado de Abastos, ás 20:30 e conta coa colaboración do Concello de Baiona. A entrada é totalmente gratuita. 

Presentando os traballos arqueolóxicos 
A Cabeciña é un complexo arquelóxico formado por un castro e unha serie de petróglifos situado en Mougás, Oia. Dende 2012 a Comunidade de Montes de Mougás vén realizando unha serie de traballos de posta en valor. En 2015 comezaron os traballos de escavación do xacemento coa participación da Deputación de Pontevedra. 

Fotografía do machado de talón da Cabeciña
Foto: Deputación de Pontevedra

 Esta primeira campaña ten como obxecto valorar o xacemento a través de cinco sondaxes de 3x3m. Unha vez valorados os restos, determinarase a apertura en área daquela sondaxe que forneza unhas informacións máis interesantes. 

 Diversos muros de cabanas e materiais foron atopados no tempo que se leva a escavar. Entre os materiais destaca a abondosa cerámica, con algúns fragmentos moi ben conservados e sobre todo, un machado da Idade do Bronce. 

 Máis alá de falar dos obxectos como tal, durante a barferencia tratarase de explicalos no seu contexto e as implicacións que teñen para ofrecer unha primeira interpretación do castro. 

A Barferencia: facendo Arqueoloxía en Comunidade 
As barferencias son conferencias nos bares. Caracterízanse polo seu ton distendido, didáctico e entretido e polo seu carácter participativo. Trátase de levar a arqueoloxía aos espazos habituais de reunión, os bares, sen interferir demasiado no seu funcionamento. O obxectivo é falar de arqueoloxía, tomando unhas cervexas de xeito informal. 

 Ademais, a cervexería La Micro resulta un sitio moi interesante para este tipo de actividades polo seu carácter de brewpubé dicir, de pub que elabora a súa propia cervexa. Polo tanto, vaise falar de Arqueoloxía mentres se degusta unha boa cervexa artesá. 

 Mediante a barferencia o que se pretende é dar continuidade á fórmula de Arqueoloxía en Comunidade que definiu dende o comezo a forma de traballar na Cabeciña. Isto é, un proxecto participativo e aberto á cidadanía.  

 Preténdese implicar á xente na xestión do sitio e dar a coñecer as informacións en tempo real. Para isto, ademais de estratexias como a barferencia, o proxecto conta cunha páxina web e outra de Facebook na que se van dando a coñecer as novidades do proxecto.

O Proxecto Mougás 
 Os traballos na Cabeciña enmárcanse no coñecido como Proxecto Mougás, un proxecto que pretende a recuperación integral dunha parroquia. 

 O Proxecto Mougás implica a procura dunha xestión sostible dun territorio rural median a xestión forestal, a xestión cultural e a xestión turística. 

 Trátase por tanto de buscar novos modos de vida pero sen perder de vista a tradición e a recuperación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario