19 de set. de 2015

A GUARDA

O BNG cuestiona a xestión das obras na praza de abastos   
Ángel Baz: “Unha planificación deficiente para unhas obras insuficientes, no BNG pulamos por unha reforma integral da praza”   

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda


Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego considera un despropósito a planificación das obras da praza de abastos”, afirma Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda. 

 Baz Vicente relata a situación deste xeito: A pasada semana comezaron unhas obras na praza de abastos de A Guarda. Esta actuación estáse a realizar sen ningún tipo de coordinación coas persoas que rexentan os diferentes postos da praza. Ningún destes comerciantes tiña coñecemento exacto do que alí se ía facer, non houbo contacto algún por parte do goberno municipal do PSOE para informar do inicio das obras, de como se ían executar e as medidas que se ían tomar para que afectasen o menos posíbel a comerciantes e a usuarios e usuarias da praza. A indignación entre os praceiros e praceiras é manifesta polos prexuízos que lles está a causar e a tensión de non saber o que se está a acometer.  

 Dende o BNG tachan de incomprensíbel a actuación do goberno municipal do PSOE á hora de proxectar e executar estas obras.  

 “Os gobernos do PSOE empéñanse en non contar co pobo para aspectos fundamentais no noso concello. O mínimo é ter falado coas persoas que diariamente traballan na nosa praza”, afirmou Bea Lomba, responsábel de comercio local do BNG.    
O BNG considera as obras un parche  
 Dende o BNG - engadiu Bea Lomba - levamos reivindicando un proxecto de reforma integral que poña a praza de abastos da Guarda no lugar que lle corresponde como corazón dunha área de comercio que atinxe ao centro da Guarda.  

 “Nós levamos anos loitando por un proxecto que dea solución aos problemas estruturais e comerciais que ten a nosa praza. Estas obras soamente consolidan unha praza caduca que non da resposta ás demandas actuais”, comentou Ángel Luis Baz.   

 Dende o BNG instamos ao Alcalde da Guarda e ao seu grupo de goberno a que abandone a política de parcheado e foto fácil á que nos ten acostumados, que se poña a traballar para levar adiante un proxecto serio e definitivo para a praza de abastos da Guarda, tal e como fixo o goberno do BNG en Tomiño, concluíu Baz Vicente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario