10 de out. de 2015

O ROSAL

JOSÉ JAVIER BASCOY IGLESIAS NOVO DIRECTOR DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL

Súa presentación será o luns día 12 de outubro, ás 20:00 h., na Praza do Calvario, no Concerto das Festas do Pilar



José Javier Bascoy Iglesias, novo director titular da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal

Infogauda / O Rosal

 José Javier Bascoy Iglesias é o novo director da Agrupación Musical do Rosal. Dende mediados do mes de setembro está ensaiando coa prestixiosa banda de música do Rosal, e fará o seu primeiro concerto o luns, día 12, ás 20:00 horas, na Praza do Calvario (O Rosal) con motivo das Festas do Pilar.

 O programa dese concerto será o seguinte:
 - Lito, de X. Carlos Serans.
-Obertura festiva op. 96, de Dimitri Shostakovich (Arranxos: Donald Hunsberger).
- Basque Rhapsody (Rapsdodia Vasca), de Melvin Shelton.
- Danza Sinfónica, de James Barnes.
- O Barbeiro de Sevilla (Obertura da Ópera), de Gioacchino Rossini (Arranxos: Franco Cesarini).
- Second Suite for Band (latino-maxicana), IV Pasadoble "A la Corrida", de Alfred Reed.

RESEÑA BIOGRÁFICA DO NOVO DIRECTOR DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL

 José Javier Bascoy (A Coruña, 1990). Comeza os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, co mestre Carlos Badenes. Completa o Grao Profesional no ano 2009, cos mestres Arturo Centelles, Bernardo Méndez e Carlos Soto. Nese mesmo ano comeza os estudos Grao Superior na especialidade Trombón, tendo como profesores a Iago Ríos e Arturo Centelles, no Conservatorio Superior de Música da Coruña, onde actualmente remata os seus estudos. 

 Asistiu a cursos e clases de perfeccionamento con mestres como Jacques Mauger, Enrique Ferrando, Rubén Prades, Simeó Galduf, Alberto Urretxo, Unai Urretxo, Francisco Rosario ou Elíes Hernandis (este último na especialidade de sacabuxe). 

 Foi alumno da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, onde recibiu clase de Petur Eirikson e Jon Etterbek, e colabora con orquestras como a Orquestra “Gaos” e a Orquestra Sinfónica de Melide. Tamén participou no Coro Xoven da Sinfónica de Galicia. É membro da Banda de Música Municipal da Estrada (Pontevedra) e colabora habitualmente con numerosas bandas da xeografía galega. 

 No eido da música de cámara gañou Segundo e Primeiro premios en 2008 e 2009 respectivamente, no Concurso de Música de Cámara Caixanova, co Grupo de Metais “Vibrass”. Exerceu como profesor na Escola de Música de Arteixo (A Coruña), na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, e na Escola Municipal de Música de Silleda (Pontevedra). No ámbito da dirección iníciase da man de Francisco Xavier Vidal Suárez, e asistiu a clases de Francisco Javier Gutiérrez (Banda Municipal de Sevilla), Pilar Bañó (Catedrática de Dirección de Orquestra do CSM de Valencia), e José Rafael Pascual-Vilaplana (Director de Banda), e na actualidade é alumno do mestre Rafael Agulló. 

 Ten dirixido formacións como a Banda “Sementeira” de Cambre, a Banda Xuvenil de Silleda e a Banda Filharmónica do Salnés. Con esta última agrupación ten a oportunidade de gravar varios concertos, e tamén, de estrear transcricións e arranxos propios. Participa tamén dirixindo outro tipo de iniciativas, como o Grupo de Trombóns do Conservatorio Superior da Coruña, ademais doutros ensembles. Na actualidade José Javier Bascoy realiza estudos de Dirección de Orquestra no Conservatorio Superior da Coruña. Dende xaneiro de 2015 foi director titular da Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas).

 Na actualidade José Javier Bascoy é director artístico da Filharmónica do Salnés e director titular da Agrupación Musical do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario