5 de dec. de 2015

CULTURA

O FRÍO AZUL, DE RAMÓN CARIDE OGANDO, UN RELATO QUE NON DEIXA INDIFERENTE A NINGUÉN

Urco editora publica a edición definitiva da premiada obra de Caride, con moito material adicional do autor e mais unha capa de “Realidade Aumentada”


Infogauda / Redacción

 O frío azul, de Ramón Caride Ogando, acadou por unanimidade o Premio Lueiro Rey de Novela Curta en 2007. Catro anos máis tarde, en 2011, a súa versión castelá, publicada pola editorial Anaya, obtivo o Premio de literatura fantástica “El Templo de las Mil Puertas”, na categoría de mellor novela española independente. Agora chega ás librarías a edición definitiva en lingua galega, que conta con unha gran cantidade de material inédito e un coidado traballo de revisión e edición.  
 O frío azul é un relato desacougante, que nos leva ao corazón de Ourense, onde se ergue impoñente e silandeiro o Mosteiro de Oseira. Até alí chega un viaxeiro desafiando a nevarada. Carrexa consigo unha misteriosa bagaxe, a fonda tristeza do seu espírito mancado e, sobre todo, a ansia por coñecer a calquera prezo a razón da insólita desventura que agocha. Aos poucos, paseniño, a monotonía tépeda da pedra e a rutina dos ritmos monacais irán minando a súa afouteza.  Os camiños impensados que se abrirán ante el, desde o val de Xálima ao Courel, de Toledo ao Orcellón, hano levar sen remisión cara a un final desacougante.  

 O frío azul mestura acertadamente o relato de viaxes, a narración histórica e a recreación folclórica, entre outros elementos, para tecer unha inesquecíbel trama de sorprendente actualidade.
 Realidade Aumentada 
 A cuberta do libro leva incrustada unha capa de “Realidade Aumentada”, unha xanela aberta ao futuro do libro en papel coexistindo co dixital.  

 Urco editora decidiu dar un paso avante na implementación das novas tecnoloxías dentro do mundo da edición. Con este libro somos pioneiros dentro do sistema editorial galego, no uso da Realidade Aumentada, un sistema tecnolóxico que, mediante un dispositivo móbil, combina a visión da contorna física con elementos dixitais.

 En O frío azul, o visionado da cuberta a través da aplicación gratuíta Layar (para móbiles e tablets), permítenos acceder ao booktrailer da obra e a unha serie de ligazóns á web da editora e ás redes sociais. Mais o realmente anovador non é podermos acceder a esta información, senón que todos os elementos desta capa virtual están “ancorados” fisicamente ao libro, e móvense en coordenadas tridimensionais.  

 Polo momento esta é unha humilde mostra, mais consideramos que é o primeiro chanzo cara a un mundo no que o dixital engada valor ao libro en papel, o punto de confluencia de dous mundos que non deben estar enfrontados e que nos ofrece posibilidades sen fin.  

 Pode semellar incómodo termos que visualizar as páxinas dun libro a través dun dispositivo móbil, mais en poucos anos, o emprego xeralizado de “lentes intelixentes”, fará desta unha tecnoloxía fundamental para a cadea de valor do libro e de todos os soportes físicos. E é por iso polo que Urco editora decidiu colocar a primeira pedra desta senda no sistema literario galego.

Ramón Caride 
Nº DE PÁXINAS: 140 
FORMATO: 133 x 210 mm 
ISBN: 978-84-15699-18-7

RAMÓN CARIDE OGANDO

 Leva publicadas máis de cincuenta obras de moi variados xéneros e conta con numerosos premios. A súa pentaloxía de ficción científica para lectores novos, protagonizada por Said e Sheila, iniciada con Perigo vexetal (Premio Merlín 1995), supuxo un fito na literatura xuvenil galega. En 2011 iniciou, con Exogamia 0.3, unha nova serie de fantasía científica.  

 Urco Editora publicou en 2014, Flash-Black 13, antoloxía dos seus relatos fantásticos

Ningún comentario: