7 de dec. de 2015

CULTURA

O POETA FRANCISCO ÁLVAREZ ÁLVAREZ "KOKI" PRESENTA SEU NOVO LIBRO "SOMBRA DE LUNA" 

"(...) Un non pode esquecer de onde ven, ou sería un traidor. Eu son un obreiro que escribe poesía (...)".


Francisco Álvarez Álvarez "Koki", asinando libros da súa autoría 
Foto: Ricardo Rodríguez Vicente   

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda   

 Neste 2015 que está a piques de rematar, foi cando o poeta, escritor e xornalista, Francisco Álvarez Álvarez "Koki" (A Estivada - A Guarda, 1957) recibiu no seu pobo natal unha tan merecida homenaxe, como longamente agardada. Merecida, porque súa traxectoria literaria, que comezou fai 35 anos, coa publicación de "Lexanías" (A Guarda, 1980), non tivo paréntese deica agora. Desde aquela ata hoxendía, o poeta non deixou de crear versos, tanto na súa lingua materna, como en castelán. E non somentes ten exercido como poeta, e como escritor, senón como activista cultural, como dramaturgo e como xornalista. Sen lugar a dúbidas, e moi probable que non hubese ata agora, outro guardés como tan prolífica actividade poética como Álvarez - Koki.    

 Polo que antecede, á homenaxe foi, alomenos para os que coñecemos de preto súa labor literaria, longamente agardada. Máis como calqueira que o desexe pode comprobar, Francisco Álvarez Álvarez "Koki", non estivo de brazos cruzados agardando ese recoñecemento, senón que ademais da súa actividade profisional, non deixou de escreber e de publicar.    

 Súa andaina literaria comezouna en Galicia e continuouna en New York, a onde chegou en 1984, á procura de un futuro mellor para súa familia e para él mesmo, sen esquecer endexamais súas orixes e súa identidade, como persoa e como poeta. Da súa actividade alén do Atlántico dan boa testemuña os poemarios e obras en narrativa que ten publicado, así como súa participación en libros de varios autores e tamén en antoloxías poéticas.

 Asemade, desde fai unhas semanas está presentando "Sombra de luna", un poemario que ven de ser obxecto de un interesante relatorio organizado polo Ateneo de Pontevedra. Toda esa bagaxe cultural do poeta guardés, motivounos a manter con Francisco Álvarez Álvarez "Koki", na súa vivenda de Os Eidos (Salcidos), á seguinte entrevista:

Cómo foi o proceso de xestación do poemario Sombra de luna, que ven de saír do prelo? 

- Cando chego a Nova York, encóntrome con poetas de América Latina e entro en outro mundo literario. Dende entón colaboro con eles e sentín a necesidade de descifrar a alma de Nova York.

Cal é á mensaxe subliminal que o poeta lles fai os lectores deste poemario? 

- A miña poesía trata de introducir elementos da vida cotián, tanto a nivel popular como tamén trata de entrar no Nova York misterioso e como una pomba solto o meu duende que corra polos vieiros da vida e da morte.

Máis de medio cento de poemas en un soio libro, supón un inmenso esforzo creativo, sobor de todo nunha cidade que probablemente non sexa a que máis inspire. Nonsí?  

- Non sei si un poeta se pode encasillar de onde é. Nova York ten sempre moito que dicir, porque nela viven moitas vidas que non son USA. A poesía está en todas partes. En cuanto a cantidade de poemas do libro, hai que pensar que Sombra de luna, e un parto de trinta anos que eu levo no país. Toda unha vida, xa que termineino o ano pasado na Horta de San Vicente, en Granada, na casa de Lorca.


En Sombra de luna a intimidade de parella está presente. Hai lugar para o amor nunha urbe como New York? 

- Se Miguel Hernández, escribía versos no cumio dos fusiles e no medio das batallas, imaxina o que se pode facer en Nova York.

Astoria, Central Park, Hudson River, Greenwich Village, Park Avenue,..., son lugares moi presentes neste libro. Qué pegada deixan no poeta logo de máis de tres décadas alén do Atlántico? 

- Bebo do vento do pobo, e as rúas, as xentes, os ríos e as prazas fálanme, e eu recollo as súas queixas e as súas ledicias. Todo que me rodea síntoo meu.

Sombra de luna ten tamén un saudoso memorial, evocador de figuras fundamentais como Celso Emilio Ferreiro, Vicente Aleixandre, César Vallejo, Federico García Lorca,... Que representan para Álvarez – Koki?.  

- Son as fontes da poesía donde bebín. Son os Mestres que alumearon a miña vida poética, e moitas veces volvo a eles para coller forzas.

En Sombra de luna, o autor quixo relembrar súa condición proletaria? 

- Un non pode esquecer de onde ven, ou sería un traidor. Eu son un obreiro que escribe poesía. Antes que eu, fixérono outros. Eu serei sempre da Estivada, neto de Manuel "O Carteiro", de Herminio "O Marro", e parente dos Vixigos.


Portada de Sombra de luna

Que lle resultou máis laborioso, a labor creativa ou á publicación do poemario?  

- Por suposto a laboura creativa. Pero tamén quero confesar, que e moi difícil publicar poesía. Este libro, andou por mais de cincuenta editoriais. Moitos querían publicalo, pero pedían cartos. Que eu pagase a edición. Ate que chegou Sial Pigmalión, cos que tiña contacto dende un congreso en que o director, Basilio Rodríguez Cañada, estivera en Nova York.

Que significa para un poeta galego que unha editorial de Madrid lle publicase este libro? 

- En realidade, non se trata de conquistar a corte. O libro estivo a piques de saír en Granada, pero non foi así. Para min o máis importante e que o libro collera vida e agora que camiñe. De feito presentareino en Madrid o 12 de xaneiro na Casa Galicia.


En que proxectos está traballando hoxendía Álvarez – Koki? 

- Non podo adiantar nada, xa que as cousas xurden en calquer intre. Escribo e gardo nos caixóns e cando o duende quere, sae a voar.


Cál é á previsión de Álvarez – Koki para o futuro a medio ou curto prazo? 

- Nunca fago previsións, nin creo nas enquisas, fixérona os políticos para torturarnos.

Cómo se sinte logo de tanto tempo traballando a prol da Cultura? 

- Moi ben, xa que  fago o que me gusta. Houbese podido facer mais, pero moitas veces encóntraste cos chulos da cultura, que están a dedo político. Como dí o dito, non están todos os que son, nin son todos os que están. Para mostra, unha Institución como o Instituto Cervantes, en todas as súas sucursais, os presidentes son nomeados a dedo, e moitos non pagan a pena.

Ningún comentario: