21 de ago. de 2016

A GUARDA

XUBILEU PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA: UNHA TRADICIÓN GUARDESA CON 661 ANOS DE ANTIGÜIDADE

· Celébrase este sábado día 27 de agosto, coa participación de homes das parroquias do Arciprestazgo da Guarda

Imaxe de Santa Trega que se venera no santuario do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

  A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 876 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140; organiza cada ano, catro celebracións na ermida de Santa Trega: a do Luns de Pentecostés, dedicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileu Penitencial do Voto a Santa Trega, que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción; a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro e a de San Esteban, o 26 de decembro.

 Polo seu carácter, destaca sobre todas elas, o Voto, unha tradición que provén do ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense "este foi ou anno mais seco que vos homens viron" -, e ao que asisten unicamente homes, ayunando a pan e auga.

 Segundo a tradición, o Voto ten relación directa cunha seca, en exceso prolongada, que se padeceu durante sete anos, na comarca do Baixo Miño. Iso trouxo aparellada diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San Isidoro, de Caminha, afírmase que a auga foi racionada. 

 Por outra banda, os escritores e historiadores Mª do Carmen Pallarés Méndez (Catedrática de Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela) e Ermelindo Portela Silva (Catedrático do Departamento de Historia Medieval e Moderna da Universidade de Santiago de Compostela), no seu traballo titulado "Dúas noticias sobre a peste negra na rexión do Baixo Miño", sosteñen que "(...) non é impensable que a vella festa penitencial do Voto a Santa Trega teña máis que ver con esta situación dramática [o azoute da peste bubónica] que coa seca con que adoita relacionarse (...)".

O SÁBADO CELEBRARASE O XUBILEU PENITENCIAL DO VOTO  
 A aparición de Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado, día 27 de agosto, a partir das 20:30 h., en que os homes das sete parroquias do Arciprestazgo da Guarda (Santa María da Guarda, San Lorenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Juan de Tabagón e San Bartolomé das Eiras), precedidos por unha cruz procesional partirán con carácter penitencial desde O Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, unha dos cumes do monte sacro. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de S. Pablo e primeira mártir do Cristianismo, rezarase o Santo Rosario e o Vía Crucis meditado.   

 A entrada no adro do Santuario efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual Prior da Irmandade do Clamor, celebrará unha misa. Finalizada a Eucaristía, procederá - en latín - a bendicir o pan.  

 "Aínda que inicialmente o Xubileu Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo fai uns anos, nunha edición do Voto, o entón Prior da Irmandade do Clamor, e á súa vez párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Angel Soliño Fernández -, duraba tres días e desde hai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; si se mantén a bendición do pan, como recordo do xaxún que efectuaban os nosos antepasados. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga".

 Tras o canto do himno Veni Creator coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe santos particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrieleyson, (...)" -, darase a coñecer o novo Prior, que como dixo Soliño Fernández "(...) mentres podamos, un ano será D. Jesús [García Villadóniga] e outro ano serei eu" - e o Capelán da Misa do Alba. A continuación, o prior mostrará o relicario de Santa Trega, que será bicado polos devotos, á vez que se efectuará a repartición dos pans, dando así por finalizados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileu Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o ano 1355.  

SANTA TREGA: AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZÓN  
 A ermida de Santa Trega, na Guarda, dispón dunha reliquia do brazo da santa enviada a mediados do século pasado, polo Arcebispo de Tarragona. Ademais do relicario, que se dá a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referiamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (anaco da Cruz na que foi crucificado Xesucristo).   

 Ao longo de todo o ano, numerosos devotos procedentes de diversos países, acoden ao santuario do Monte Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de exvotos - maioritariamente fotografías tamaño carné, que se van incorporando a álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou rogando a intercesión da santa, que está considerada avogada das doenzas da cabeza e do corazón.   

 A festividade de Santa Trega - Patroa do Arciprestazgo da Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que despois de moitos anos en que as mulleres da Guarda - especialmente as da Marina -, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; nas tres últimas décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dous froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario