30 de dec. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia estende a Tarxeta Benvida aos nenos e nenas que nazan no 2017 e amplía os seus beneficios 

O Goberno galego autoriza un gasto plurianual de 18 millóns de euros para a nova convocatoria destas axudas, que se poderá incrementar no caso de que sexa necesario co que se garante que todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos no orde recibirán a correspondente achega económica  

Amplíanse os supostos que dan dereito á axuda, recollendo como novidade, ademais das familias que no ano 2017 teñan un fillo/a ou adopten un neno/a, aquelas que estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno/a menor dun ano  

Estímase que 15.000 novas familias serán usuarias da Tarxeta Benvida en 2017, sumándose así ás que xa o son a día de hoxe, un total de 12.685


Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se estenderá a Tarxeta Benvida aos nenos e nenas que nazan durante 2017. Deste xeito, o Goberno galego consolida esta medida de apoio ás familias e de impulso demográfico da que se estima que se beneficiarán 15.000 novas familias que se sumarán ás de 12.685 que xa son usuarias da Tarxeta Benvida na actualidade. Así mesmo, a nova convocatoria de axudas presentará importantes melloras con respecto á anterior, ampliando tanto os supostos que dan dereito á axuda como os lugares e produtos incluídos no programa.
 O Goberno galego autorizou un gasto plurianual de 18 millóns de euros ao obxecto regular a concesión desta axuda económica. Este é un orzamento que se poderá incrementar no caso de que sexa necesario, co que se garante que todas as solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos na orde recibirán a correspondente achega económica.
 Ademais das familias que no ano 2017 teñan un fillo/a ou adopten un neno/a menor dun ano, tamén se poderán beneficiar da Tarxeta Benvida aquelas que estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno/a menor dun ano. Outra novidade é que tamén se aumentan os lugares onde se pode utilizar a tarxeta, sumándose os establecementos de puericultura ou os especializados en artigos e produtos para a infancia ás farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación da convocatoria anterior. Desta maneira, darase cobertura á compra dun maior número de produtos, tales como roupa, berces ou artigos para o paseo e viaxe.
 A contía total da axuda, que se fai efectiva a través da Tarxeta Benvida, ascende con carácter xeral a 1.200 euros a razón de 100 euros mensuais durante o primeiro ano de vida do/a bebé. Con esta achega preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza durante o primeiro ano de vida. No suposto de adopción ou situación de garda con fins adoptivos o dereito á percepción da axuda producirase dende o mes no que se emita a resolución administrativa ou xudicial e ata que o neno/a cumpra un ano.
 Os requisitos necesarios para a concesión desta axuda son que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia e que a renda da unidade familiar da declaración do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) do ano 2015 non supere os 45.000 euros. Asemade, nos casos en que si se supera esta contía, teñen dereito á achega aquelas cuxa renda per cápita –é dicir, a renda divida entre os número de membros da familia- non é superior aos 13.500 euros. E nos casos nos que non se teña realizada a declaración do IRPF do ano 2015, terase en conta o certificado de ingresos que recolla a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
 O prazo de presentación das solicitudes, que deberán estar dirixidas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, será de dous meses contados dende o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administración ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. E o prazo de resolución da solicitude é de tres meses, contado dende o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro.
 Aquelas persoas interesadas atoparán toda a información relativa á Tarxeta Benvida na orde publicada hoxe que se pode consultar premendo eiquí

Galicia referente no apoio ás familias e á natalidade

 Este é o segundo ano que o Goberno galego convoca esta axuda que forma parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), proxecto global posto en marcha a finais de 2015 e que persegue dar resposta ás necesidades dos pais e nais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo dende o primeiro momento. Do balance deste primeiro ano de aplicación do programa da Tarxeta Benvida resulta que a día de hoxe hai 14.000 solicitudes presentadas, estando en posesión das familias un total de 12.685 tarxetas. A cifra de concesións está previsto que se incremente ata chegar ás 15.000, tendo en conta que as familias teñen dous meses dende o nacemento para solicitar a axuda polo que se presentarán novas solicitudes ata finais de febreiro de 2017.
 O obxectivo do Goberno autonómico é converter a Galicia nun referente de servizos de apoio á natalidade e á familias. Neste sentido, a Tarxeta Benvida forma parte dun amplo abano de medidas e iniciativas englobadas no Programa de Apoio á Natalidade (PAN), que a Xunta de Galicia puxo en marcha a finais do ano 2015 coa finalidade de apoiar e protexer ás familias, así como contribuír á revitalización demográfica e o recambio xeracional. O PAN ten tres eixos de intervención: axudas directas, servizos e conciliación.
 No primeiro dos eixos –PAN Axudas- ademais da Tarxeta Benvida, inclúense outras medidas compatibles como a dedución fiscal por nacemento ou pago único por neno/a menor de tres anos. Ademais, na liñas de Conciliación e Servizos do PAN inscríbense, entre outras, medidas como o Bono Concilia, o Bono Coidado, o incremento de prazas públicas en escolas infantís para nenos/as de 0 a 3 anos ou as Casas Niño no rural.
 O goberno galego ten na atención ás familias e no reto demográfico dúas liñas de actuación prioritarias, e así o recolle no Plan Estratéxico Rexional de Galicia 2015-2020. Este plan, que por mor do seu carácter transversal implica no seu desenvolvemento a todos os departamentos autonómicos, contempla un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario