4 de dec. de 2016

LABORAL

DESCONVOCAN A FOLGA NO COMERCIO DE ALIMENTACIÓN DE PONTEVEDRA 

Tras introducir importantes melloras no convenio  

A patronal desiste finalmente da súa intención de conxelar a antigüidade e de eliminar a promoción profesional  


Imaxes das multitudinarias asembleas de traballadores/as do comercio de alimentación de Pontevedra celebradas este domingo día 4 de decembro en Vigo e Pontevedra
Fotos: CIG


Infogauda / Vigo / Pontevedra

 As multitudinarias asembleas de traballadores/as do comercio de alimentación de Pontevedra celebradas este domingo día 4 de decembro en Vigo e Pontevedra, decidiron finalmente desconvocar as dúas xornadas de folga previstas no sector para os vindeiros días 5 e 7 deste mes, tras un acordo coa patronal que introduce importantes melloras no convenio. A representación sindical valora o feito de que as empresas desistan da súa intención de conxelar a antigüidade e de eliminar a promoción profesional, ademais de salientar que a subida salarial pactada atinxe o 5% en catro anos.  

 A decisión de desconvocar as dúas xornadas de folga no sector do comercio de alimentación previstas para o luns 5 e o mércores 7 de decembro foi adoptada hoxe en asemblea por centos de empregados/as do sector tras analizar a contraoferta achegada pola patronal. No caso de Vigo a decisión tomouse por unanimidade, mentres que en Pontevedra foi por unha ampla maioría. Nas asembleas participaron representantes da CIG, CCOO, UGT e USO. 

 Dende a CIG-Servizos -que conta co 39% da representación no sector- sinalan que a importancia do acordo radica en que non se tocan ningún dos dereitos dos que gozaba o persoal do sector, ao tempo que se amplían as melloras. Así, a principal conquista ten que ver coa antigüidade, que a patronal pretendía conxelar e que finalmente quedará como até o de agora. Tampouco se elimina a promoción profesional como querían as empresas, mentres que no caso de incapacidade temporal os traballadores/as cobrarán o 100% (a patronal pretendía introducir rebaixas neste concepto).  

 Segundo explica a secretaria comarcal da federación en Vigo, Transi Fernández, outras das melloras son o incremento do descanso diario en cinco minutos, que as vacacións poden ser gozadas do 1 de xuño ao 30 de setembro e até 16 días seguidos polo persoal de todas as tendas (até o de agora había traballadores/as en tendas situadas na costa que non tiñan vacacións no verán). 

 Tamén se establecen tres días de asuntos propios sen xustificar, o permiso de lactancia increméntase en dous días, a garda legal pasa de 10 a 14 días, as excedencias maternais pasan de 0 a 5 anos e a conciliación por parentes de dous a tres anos. Finalmente, a subida salarial que se recolle atinxe a un 5% en toda a vixencia do convenio, que terá unha duración de catro anos e non de cinco como pretendía a patronal. Ademais, auméntanse todos os pluses, incluíndo o de antigüidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario