3 de dec. de 2016

MALTRATO ANIMAL

ANABAM PREOCUPADA POLOS CASOS DOS CABALOS “PEXADOS” 

Agustín Ferreira Lorenzo (presidente da Asociación Naturalista Baixo Miño” - ANABAM: “Queremos dureza contra os propietarios que levan a cabo esta práctica e por iso pedimos a Administración que actúe enerxicamente

                       Un dos cabalos coas extremidades “pexadas”, avistados por ANABAM 
                                  Fotos: Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) 


Infogauda / A Guarda

 Agustín Ferreira Lorenzo, presidente da Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), ven de comunicar a Redacción deste xornal dixital os seguintes feitos: “Na mañá do día 28  de novembro, foi avistado un grupo de 8 cabalos mostrencos pastoreando nos montes da parroquia de Morgadáns en Gondomar, nunha zona próxima ao Parque Natural do Monte Aloia.  

Pormenor de dúas extremidades “pexadas” de un cabalo na serra do Galiñeiro 

 Cabalos pastoreando ceibes é unha estampa bastante común por estes montes da serra do Galiñeiro, o que xa non é tan habitual é que dous destes cabalos que pastaban no grupo tivesen as súas patas “pexadas”, o que impide aos cabalos moverse con facilidade e escapar de posibles perigos, ademais do dano que lle producen as pexas nas extremidades.  

 Un axente forestal e dous axentes do Serprona estiveron no lugar comprobando as marcas dos cabalos para posteriormente localizar ao propietario dos equinos. 

 Non é este o primeiro caso que sucede nesta mesma zona e para iso basta con ir a hemeroteca. Preguntámonos dende ANABAM se a administración toma en serio estes casos de maltrato animal, por que que se repitan un ano sí e outro tamén xa é desconfiante.      

 Esta asociación xa denunciara estes feitos hai un par de anos, pero a falta de sensibilidade dalgúns propietarios fai que este maltrato animal siga a producirse nos nosos montes. Por iso dende esta asociación pedimos medidas serias contra as persoas que continúan con esta actividade, porque está claro que algunhas non entenden outra linguaxe. Queremos dureza contra os propietarios que levan a cabo esta práctica e por iso pedimos a Administración que actúe enerxicamente. Dar cos propietarios non debe resultar moi difícil.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario