18 de xan. de 2017

A GUARDA

JOAQUÍN MIGUEL VILLA ÁLVAREZ FALARÁ SOBOR DO I CENTENARIO DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DO MONTE SANTA TREGA

O activo historiador guardés protagonizará a primeira barferencia do ano

Joaquín Miguel Villa Álvarez
Foto: Infogauda


Infogauda / A Guarda

 Este venres día 20 de xaneiro, ás 20:30 horas na Cafetería La Casilla - Rúa Alcalde Manuel Álvarez Vicente, nº 14  - A Guarda), terá lugar a primeira barferencia do ano 2017, e terceira desta tempada de inverno. Trátase dunha cita moi especial para A Guarda, xa que a ponencia versará sobre os “100 anos do Museo do Monte”, un elemento clave na vida e na sociedade da vila nas últimas décadas.  

Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT)

 A ponencia estará a cargo do historiador e profesor guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez, licenciado en Xeografía e Historia e Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Villa imparte clases no Colexio PP. Somascos da Guarda, labor que compaxina coa de investigador, que o levou a colaborar en diferentes publicacións, en especial con temas relacionados coa Guarda.  


 Nesta barferencia exporá parte dos seus numerosos coñecementos sobre o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), que neste ano 2017 cumpre un século, pois foi creado pola Sociedade Pro-Monte Santa Tecla no 1917. Parte desta ponencia terá como base a investigación que ten realizado sobre a propia Sociedade Pro Monte e que o levou a publicar "La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1ª parte: 1912-1928)" e "La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (2ª parte: 1928-1939). A estes dous volumes súmase un terceiro libro, "La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte", que se presentará no Centro Cultural da Guarda o vindeiro sábado día 28 de xaneiro.  

 Dende o Concello da Guarda anímase a tódolos veciños a asistir a esta interesante barferencia, na que poderán coñecer a historia dun museo clave na vida, cultura e sociedade da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario