24 de xan. de 2017

CULTURA

A Xunta de Galicia e as fundacións Pondal, Rosalía e Curros impulsan unha homenaxe aos tres autores do Rexurdimento 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse onte cos representantes destas entidades así coma dos concellos de Ponteceso e Celanova para deseñar iniciativas conxuntas

Con motivo do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, a Xunta quere impulsar un itinerario literario que conecte aos tres escritores deste movemento

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión de traballo con representantes das mencionadas fundacións e responsables municipais


Infogauda / Santiago de Compostela

 Con motivo do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto coas fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, está a impulsar unha homenaxe a estes tres autores do Rexurdimento galego, que se fará en colaboración cos concellos implicados, Ponteceso, Padrón e Celanova.
 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión de traballo con representantes das mencionadas fundacións e responsables municipais para avanzar nas iniciativas que se van poñer en marcha.
 Ademais do conselleiro e dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, á reunión tamén asistiron, por parte da Fundación Pondal, o alcalde de Ponteceso e presidente desta entidade, Xosé Lois García, e o membro do padroado, José María Varela; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e, en representación da Fundación Curros Enríquez, o alcalde de Celanova e presidente da Fundación, José Luís Ferro, e o técnico de Cultura e secretario da Fundación, Antonio Piñeiro.
 Entre as accións máis destacadas, o Goberno galego busca impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego que conecte as figuras de Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, os principais autores deste movemento cultural, político e literario da segunda metade do século XIX en Galicia e que se inaugurou coa publicación, en 1863, de ‘Cantares Gallegos’.
 Esta iniciativa completarase con outras no ámbito parlamentario e no ámbito do Goberno galego, co impulso dun Decreto para a declaración do ano 2017 como Ano Pondal e Ano do Rexurdimento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario