21 de xan. de 2017

LABORAL

O persoal de Nueva Pescanova denunciará a “mala fe” da empresa e “cortará” as horas extra como medida de presión 

Uns 400 traballadores/as rexeitaron hoxe en asemblea unha proposta de convenio que empeora as condicións laborais

Boa parte do cadro de persoal de Nueva Pescanova participou hoxe nunha multitudinaria asemblea celebrada en Redondela
Fotos: CIG

Infogauda / Redondela

 Boa parte do cadro de persoal de Nueva Pescanova decidiu hoxe nunha multitudinaria asemblea celebrada en Redondela denunciar na Inspección de Traballo a “mala fe negociadora da empresa” -que pretende impoñer un convenio que precariza as condicións laborais- e, como primeira medida de presión, “cortar” tanto as horas extras dos sábados como as que se poidan chegar a impoñer.

 A multitudinaria asemblea convocada polas centrais CIG, CUT, UGT e USO esta mañá no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, na que participaron unhas 400 persoas, deixou moi claro a total oposición dos traballadores/as de Nueva Pescanova á proposta de convenio colectivo achegado pola empresa, que suporía unha “rebaixa brutal” das actuais condicións laborais.  


 Durante a xuntanza, que estivo coordinada por representantes dos distintos comités e no que participaron empregados/as de todos os centros de traballo do grupo, tamén se evidenciou o seu malestar ante a actitude dunha dirección que rexeitou as chegas dos representantes dos traballadores/as co obxectivo de impoñer unha rebaixa salarial e un aumento da xornada.  

 En principio descartaron convocar mobilizacións á espera da resposta de Nueva Pescanova, aínda que adiantaron a posibilidade de realizar concentracións en Mercadona -un dos seus principais clientes- ou nas ETT que “posibilitan a competencia desleal durante as folgas”. De igual xeito, a votación das propostas amosou a vontade do cadro de persoal por enfrontar de xeito unitario o “ataque” da empresa. A primeira medida que adoptaron por unanimidade foi denunciar ante a Inspección de Traballo a “mala fe negociadora” por parte da empresa. Ademais, chegaron ao acordo de non facer as horas extraordinarias dos sábados e todas aquelas “que se poidan impoñer”.     

 “Sen o actual convenio non haberá paz social”  
 Pola súa banda, as centrais promotoras do encontro cualificaron de “éxito” a convocatoria e salientaron a “unidade” que amosan os traballadores/as e a súa vontade de incrementar as medidas de presión no caso de que a empresa non atenda as súas demandas. Neste senso, a secretaria nacional da FGAMT-CIG -que participou na asemblea e que interveu na rolda de prensa posterior- indicou que “teñen que ter moi claro que deben de respectar o actual convenio, senón non haberá paz social”. 


 Dores Martínez tamén rexeitou “que sexa certo que ofrecen un só euro de subida salarial” e asegurou que os sindicatos non van asumir nunca a proposta de incremento da xornada nin que o novo convenio “sirva para abaratar os soldos das futuras contratacións” -en referencia á nova categoría de entrada que quere implantar a empresa, que ademais obrigaría a manter esa rebaixa no salario durante tres anos-.  

 Por todo isto, asegurou que as propostas de Nueva Pescanova “rozan o terrorismo patronal” e que a asemblea de hoxe “marca un antes e un despois: se a dirección non entende a mensaxe haberá que tomar as medidas de presión que sexan necesarias”.     

 Xuntanzas coa empresa e nova asemblea  
 Na comparecencia diante dos medios as catro centrais anunciaron que dentro dun mes convocarán unha nova asemblea para dar conta das xuntanzas que a representación dos empregados/as dos distintos centros de traballo manterán coa dirección de Nueva Pescanova os días 31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro para continuar coas negoacións do convenio. Nese encontro tamén se abordaría a adopción de novas medidas de presión e a convocatoria de mobilizacións no caso de que a empresa non dea marcha atrás nas súas pretensións.  

 Finalmente, valoraron moi positivamente a unidade amosada tamén polos distintos comités de empresa e fixeron un chamamento ao único sindicato que se mantén á marxe, CCOO, a sumarse ás iniciativas que promoven a maioría dos empregados/as do grupo. “Esta central non participou na asemblea, perso estamos seguros/as de que van adherirse ás propostas porque xa é hora de decidir a que bando se unen, ou ao da empresa ou ao dos traballadores/as”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario