23 de xan. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG de Vigo analizará nunha asemblea os ataques contra o sistema público de pensións e mobilizarase na súa defensa 

Tras a xuntanza de delegados/as haberá unha manifestación até o INSS 

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu este luns en rolda de prensa xunto ao de Organización, Anxo Igrexas, e os representantes do Colectivo de Xubilados/as e Pensionaistas para anunciar a celebración dunha asemblea de delegados/as este martes
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo celebrará este martes día 24 de xaneiro, unha asemblea de delegados/as para analizar a situación na que se atopa o sistema público de pensións ante os ataques que está a recibir. Ao remate do encontro a central ten convocada unha manifestación en defensa das pensións que rematará na sede do INSS, mobilización que fai parte da campaña nacional posta en marcha polo sindicato e que inclúe a celebración dunha marcha en Santiago este sábado. 

 O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, compareceu este luns en rolda de prensa xunto ao de Organización, Anxo Igrexas, e os representantes do Colectivo de Xubilados/as e Pensionaistas para anunciar a celebración dunha asemblea de delegados/as este martes 24 na parroquia do Cristo da Vitoria, na rúa Baiona número 9, en Coia, na que se abordará o estado do actual sistema público de pensións ante a ameaza de recortes por parte do Goberno español do PP e o interese da banca en estender o negocio dos fondos de pensións privados. 

 O responsábel sindical explicou que ao remate do encontro, arredor das 11.30 horas, haberá unha manifestación en defensa das pensións até a sede do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). Esta mobilización fai parte da campaña posta en marcha pola CIG a nivel nacional que persegue a recuperación dos dereitos laborais e sociais "roubados coa coartada da crise" que inclúe unha manifestación este sábado 18 dende a Alameda de Santiago ás 12.00 horas. Posteriormente haberá novas protestas comarcais en febreiro e marzo. 

 Gonçalves fixo un chamamento á participación de toda a clase traballadora da bisbarra ante a importancia de “iniciar unha ofensiva para frear os ataques da dereita ao sistema público de pensións” e incidiu na necesidade de que as pensión sexan financiadas mediante os Orzamentos Xerais do Estado. “Mais en lugar disto o que fan é desviar cartos do propio fondo das pensións para outros temas”, criticou. Neste senso, indicou que todas as persoas que desexen acudir á manifestación terán á súa disposición autobuses que sairán de Vigo, A Guarda e O Porriño. Con todo, reiterou que para a CIG a único xeito de blindar as pensións é garantir o emprego nunhas condicións laborais dignas que permitan unhas cotizacións máis altas. “Temos que defender o sistema público dos ataques da gran banca, que pretende facerse cun novo nicho de negocio”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario