22 de xan. de 2017

PORTOS

A Consellería do Mar formará parte do xurado que outorga os distintivos de calidade Bandeira Azul 

Unha vintena de entidades náuticas galegas optan este ano ao galardón que outorga ADEAC  

Trátase dos portos deportivos de Portonovo (Sanxenxo), Marina Davila (Vigo), Monte Real Club de Yates de Baiona, Cangas, Moaña, Puerto Deportivo de Baiona, Combarro, Juan Carlos I de Sanxenxo, San Vicente do Mar (O Grove), Boiro, Camariñas, Santa Marta de Ortigueira, Ares, Club Náutico de Sada, Marina Coruña, Muxía, Real Club Náutico da Coruña, e Portosín


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar, a través dun representante oficial de Portos de Galicia, formará parte do xurado que outorga os distintivos de calidade Bandeira Azul e que se reunirá en Madrid o vindeiro día 10 de febreiro. Nesta edición, un total de 20 entidades e clubs náuticos galegos optan ao galardón que outorga a Asociación de Educación Ambiental e Consumidores (ADEAC).
 En concreto veñen de presentar a súa candidatura á Bandeira Azul 9 instalacións náuticas de Pontevedra, outras 9 da Coruña e 2 de Lugo. Trátase dos portos deportivos de Portonovo (Sanxenxo), Marina Davila (Vigo), Monte Real Club de Yates de Baiona, Cangas, Moaña, Puerto Deportivo de Baiona, Combarro, Juan Carlos I de Sanxenxo, San Vicente do Mar (O Grove), Boiro, Camariñas, Santa Marta de Ortigueira, Ares, Club Náutico de Sada, Marina Coruña, Muxía, Real Club Náutico da Coruña, e Portosín.
 O prazo para a presentación das candidaturas rematou o pasado mes de decembro e ata ese momento, Portos de Galicia mantivo contacto directo cos clubs náuticos interesados en presentar candidaturas poñendo á súa disposición asesoramento e orientación técnica en relación aos requisitos que deben cumprir as instalacións para acadar o galardón. Dende a Consellería do Mar, ratifícase así a vontade de que a totalidade dos clubs que poden optar a este recoñecemento conten con el e o manteñan no tempo, de modo que Galicia consolide o seu posicionamento internacional na primeira liña da calidade de servizos.
 A colaboración de Portos de Galicia abarca aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para o ente público.
 O impulso á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios marcados polo Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está a desenvolver. Esta folla de ruta para os peiraos deportivos de titularidade autonómica establece a xestión sostible do litoral portuario como unha das liñas vertebradoras da acción do ente público, xunto ao deseño de infraestruturas eficientes e a ampliación da responsabilidade social corporativa, entre outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario