22 de xan. de 2017

XUVENTUDE

Política Social convoca un concurso para elixir o cartel da edición deste ano do programa ‘Xuventude Crea’ 

Nesta iniciativa poderán participar todos os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o gañador do premio na edición do ano anterior  

O gañador ou gañadora recibirá un único premio de 500 euros. O prazo de admisión das obras rematará o día 28 de febreiro de 2017

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social con motivo do programa de creadores novos ‘Xuventude Crea 2017’ convoca un concurso co fin de elaborar o cartel deste certame. Nesta iniciativa poderán participar todos os mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o gañador do premio na edición do ano anterior.
 Cada autor ou autores poderán participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego, e admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo. Os traballos presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50x70 centímetros e montadas en superficie ríxida. O tema e a técnica serán libres. As obras deben incluír obrigatoriamente o texto ‘Certame Xuventude Crea 2017’, así como as doce especialidades que o compoñen: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro, cociña e videocreación.
 O/a autor/es/as da obra gañadora recibirá un único premio de 500 euros. O prazo de admisión das obras rematará o día 28 de febreiro de 2017.
 Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Política Social é fomentar a participación e creatividade xuvenil, como mostra da iniciativa e do talento que amosa a mocidade galega; facilitarlle aos mozos e mozas as plataformas nas que manifesten a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que desenvolven as súas capacidades e habilidades.
 ‘Xuventude Crea’ é a maior manifestacións das posibilidades creativas da xuventude galega. Na edición do 2016 participaron máis de 300 mozos e mozas, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Foron presentados un total de 241 proxectos individuais e en grupo para as doce especialidades previstas, con 55 proxectos premiados e 100 mozos e mozas galardoados. Cada unha das especialidades conta con tres premios, que poden ser compartidos: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario