22 de feb. de 2017

ARBO

O CONCELLO DE ARBO PRESENTOU NA CASA DE GALICIA A LVII FESTA DA LAMPREA

QUE TERÁ LUGAR O ÚLTIMO FIN DE SEMANA DE ABRIL DE 2017 



Infogauda / Arbo

 As instalacións da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid /Casa de Galicia foron o escenario elixido polo Concello de Arbo (Pontevedra) para presentar en Madrid a profesionais do sector turístico e medios de comunicación a “Tempada da lamprea 2017” e a “LVII Festa da Lamprea”, que terá lugar o último fin de semana de abril, do día 28 ao 30, por primeira vez como Festa de Interese Turístico Nacional.  

 Na presentación, que tivo lugar o pasado 8 de febreiro, interviñeron o alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, o presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil Araujo, a directora xeral de Turismo, Nava Castro González, a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Pastora Asián González, que pechou o acto, e o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López.  

 Entre os asistentes ao acto estaban a directora da Escola Superior de Hostalería de Galicia, o presidente da Fundación Segundo Gil Dávila, de Arbo, Antonio Vieitez, membros da corporación municipal de Arbo, representantes das bodegas de Arbo e do Consello Regulador Rías Baixas, Lorenzo Diaz e Josemi, pregoneros das últimas edicións da Festa da Lamprea e  periodistas e criticos gastronomicos de distintos medios de comunicación.   

 O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, agradeceu ao alcalde Horacio Gil que trouxese á Casa a presentación da nova tempada e a LVII Festa da Lamprea, peixe prehistórico do que dixo que é “manxar que namora” e do que Arbo é capital, ademais de feudo do augardente “preparado de forma artesanal”. “A lamprea é un peixe máxico que en Arbo converten en comida de deuses”, valorou.  

 Tamén tivo palabras de recoñecemento para o municipio de Arbo, do que afirmou que “é un paraíso que combina o val do Deva e do Cea. A veciñanza de Portugal engade unha vocación de terra limítrofe que comunica, relaciona e comparte”. “Aquí os señores feudais construíron fortalezas e máis tarde os pazos exhibiron a súa planta señorial”, engadiu.  

O alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito
Foto: C. A.

 O alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, sinalou que os “maiores bens” do seu municipio, de algo menos de 3.500 habitantes, son o viño e a lamprea, recurso este último do que lembrou que “leva existindo máis de 500 millóns de anos, é un dos primeiros vertebrados”, e que grazas á súa abundancia en Arbo especializáronse na súa preparación e levan xa 56 anos celebrando “unha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia”. Resaltou que “o ano pasado declarouse esta celebración como Festa de Interese Turístico Nacional, polo que esta LVII edición celebrarémola coa cabeza aínda máis alta”.  


 “Eses días, a lamprea e o viño serán o centro de atención, que tamén despuntan en agosto, cando explotamos a versión seca deste peixe noutro evento, aínda que o resto do ano tamén hai boa e variada gastronomía, como é imperativo en Galicia”, engadiu o alcalde, que tamén sinalou outras posibilidades para gozar de Arbo, como o turismo rural, o deporte de aventura e “un gran patrimonio inmaterial cheo de lendas, crenzas e rituais de carácter místico e relixioso”. Así puido verse inmediatamente despois da súa intervención, coa proxección dun vídeo promocional sobre o municipio.  

 Juan Gil, presidente do Consello Regulador Rías Baixas, explicou que “para os devotos do viño, Arbo, xunto con toda a subzona do Condado e a Denominación de Orixe Rías Baixas na súa totalidade, ofrece algúns dos mellores brancos do mundo, sen esquecernos dos sorprendentes tintos ou dos emerxentes espumosos”. “Coa base do albariño como variedade principal, pero co concurso tamén das demais variedades desta marabillosa terra, Arbo pode presumir, coa cabeza moi alta, de ofrecer unha colección de viños que satisfarán aos máis esixentes consumidores”, mantivo.  

 A directora xeral de Turismo, Nava Castro, resaltou que “a Festa da Lamprea de Arbo recibiu a declaración de Interese Turístico Nacional o pasado ano, unha merecida distinción que demostra tanto a antigüidade, arraigamento e continuidade da festa como a súa singularidade” e que “esta festa é unha das celebracións gastronómicas populares con máis tradición e máis peculiares de Galicia, e contamos con máis de trescentas”. Castro referiuse á lamprea como “un dos produtos máis auténticos de Galicia”, que presentou unido a “os estupendos caldos de uva albariño do municipio”.  Expuxo así mesmo que en paralelo á Festa da Lamprea en Arbo celébranse distintas actividades “que permiten ao visitante gozar do mellor desta terra”. Tamén que en Arbo souberon sacar partido á lamprea durante todo o ano, a través da denominación seca. “Como complemento a esta festa, desde Turismo de Galicia creamos un novo produto turístico ao redor deste particular pescado e a súa captura, a Ruta da Lamprea” que combina numerosos recursos vinculados a este produto “en cada unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, Miño, Tambre e Ulla” e que “potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que a integran”, explicou.  

 Matilde Asián quixo mostrar coa súa presenza o apoio do Ministerio a esta festa gastronómica que se celebra desde 1961. A secretaria de Estado sinalou a visión turística de quen a iniciou e destacou a oferta de Arbo como destino turístico, declarando que “foi un pracer declarar Festa de Interese Turístico Nacional” á Festa da Lamprea. “A gastronomía é un elemento indisociable da experiencia turística e está estreitamente vinculada ao territorio, polo que iniciativas como esta contribúen positivamente ao sector turístico”, engadiu.

Ningún comentario: