22 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

A película "Visións" do proxecto "Cinema e muller" da Deputación de Pontevedra chega ao Festival Internacional de Cinema de Taiwán 

A través desta película colaborativa o goberno de Carmela Silva quere darlles visibilidade ás creadoras do audiovisual da provincia de Pontevedra  



Infogauda / Pontevedra

 O Festival Internacional de Arte Documental Cinematográfica de Chiayi (Chiayi International Art Doc Film Festival), en Taiwán, o primeiro da súa clase en todo o continente asiático, acolle dentro da súa programación a película colaborativa "Visións", elaborada ao abeiro do proxecto "Cinema e Muller" impulsado pola Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa do servizo de Igualdade ten por obxectivo darlles visibilidade ás máis de 70 creadoras do audiovisual da provincia de Pontevedra e, ademais, fomentar unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.  

 O Festival taiwanés inclúe "Visións" dentro do seu ciclo "As súas preciosas palabras", que definen como "descubrindo a circunstancia da muller e sobre o seu espírito interno", e proxectarase en dúas sesións que terán lugar os vindeiros días 19 e 24 de marzo. "Visións" é unha película na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra, que aportan as dúas dez olladas persoais, onde o cinema e a arte se funden nunha produción íntima e poliédrica centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda dende a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.  

 Nesta película colaborativa, promovida pola institución provincial, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. "Visións", realizada en dous meses, inclúe dez mini-curtametraxes de entre 3 e 12 minutos cada unha nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, realizando a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.  

 O proxecto de "Cinema e Muller", que impulsou a posta en marcha da película "Visións", é unha aposta do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade ao traballo das máis de 70 mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou tamén como guionistas. A institución provincial considera "Cinema e muller" como un exemplo do que se pode facer para fomentar a construción de discursos narrados por mulleres, para que así poidan definir unha boa parte da súa historia pois, sen creadoras, o imaxinario audiovisual propio das mulleres se atopa amputado, silenciado, desexando pronunciarse para achegar ao cinema a súa voz e para crear unha sociedade máis xusta.  

 Ao abeiro deste programa tamén se organizaron distintas sesións de proxeccións de curtametraxes ou tamén de coloquios nos que distintas profesoras e investigadoras do ámbito universitario, feministas e especialistas en cine e xénero para que expoñan aspectos clave do cinema feito por mulleres no marco galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario