30 de mar. de 2017

A GUARDA

Ahmad compartirá a súa experiencia como refuxiado sirio 

Nunha charla este xoves 30 de marzo ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda




Infogauda / A Guarda

 Este xoves día 30 de marzo,  ás 20:30 horas, o Centro Cultural da Guarda acollerá a charla “A historia de Ahmad contada en primeira persoa”, sobre a situación dos refuxiados sirios. 

 Ao cargo desta charla estará o propio Ahmad, un home de procedencia siria afincado dende fai uns meses na Coruña, que contará a súa experiencia en varios centros de refuxiados de Grecia tras ter que escapar do seu país ante o estalido do conflito que hoxe en día segue a asolar Siria.

 Cada día nos chegan imaxes e historias de sirios que foxen da guerra a través dos telediarios e dos diversos medios de comunicación, pero nesta charla os guardeses e visitantes que decidan achegarse ata o Centro Cultural terán a oportunidade de escoitar a historia dun supervivente en primeira persoa.

 Nesta xornada Ahmad falará, entre outros temas, da vida antes e despois da guerra en Siria, da propia guerra en Siria e a desinformación mediática que existe sobre o tema.

 Tamén explicará o seu traxecto dende o seu fogar ata chegar a España e como son os campos de refuxiados polos que pasou: que tipos hai, como é a comida, a situación dos menores e das mulleres, a seguridade, a sanidade, a ocupación dos mesmos, etc. Ademais reflexionará sobre a verdade e a mentira na denominada “crise dos refuxiados” e o lento proceso para acollerse ao asilo en España.

 Sobre todos estes aspectos e máis que vaian xurdindo no transcurso da velada reflexionará Ahmad nunha charla á que, dende o Concello da Guarda, quedan convidados todos os veciños e visitantes que queiran coñecer a historia deste sirio e a verdade que existe tras a situación da situación dos refuxiados que vemos a diario nos medios de comunicación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario