23 de mar. de 2017

A GUARDA

Vólvese a organizar a 'Ruta do pincho da lamprea do Miño' este ano 2017

Os viveiristas e os pescadores do Miño da Guarda seguen apostando pola promoción da lamprea coa colaboración dos restaurantes e bares 


Infogauda / A Guarda

 A “Ruta do pincho da lamprea do Miño” xurdiu en 2014 da inquietude dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar a Lamprea do Miño entre o público, como un pincho a un prezo alcanzable. 

 Moitos só conciben a lamprea como o prato principal nunha celebración especial polo que esta ruta é unha excelente oportunidade para degustar a lamprea como un aperitivo que acompañe ó viño e á boa compaña. Ademais a ruta tamén facilita que proben a lamprea aqueles interesados en coñecer o seu sabor.  

 Esta ruta tivo unha excelente acollida nas primeiras edicións polo que este ano vólvese a organizar a pesar de que no comezo desta tempada houbo poucas capturas. Por esta razón os viveiristas e os pescadores do Miño da Guarda seguen apostando pola promoción da lamprea coa colaboración dos restaurantes e bares do municipio.  

 Antes do peche da tempada da captura da lamprea celebrarase esta ruta durante catro días repartidos durante o próximos fins de semana: o sábado 1 e domingo 2 e o sábado 8 e domingo 9 de abril. Polo que veciños da Guarda, visitantes e turistas poderán degustar do pincho da Lamprea do Miño de 11:00 a 13:30 horas e de 19:00 a 20:30 horas a un prezo único de 2 €.  

 Cada restaurador ten liberdade na creación da súa proposta tendo en conta que o sabor da lamprea dominará nun pincho de calidade, e para fomentar esta calidade, este ano volvese a organizar o Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño entre os restaurantes e bares adheridos. Os responsables de escoller o establecemento co mellor pincho serán os participantes, puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais de coñecer as valoracións dos restaurantes, as papeletas permitirán coñecer un número aproximado de pinchos servidos.  

 Para premiar a fidelidade dos participantes haberá un sorteo de agasallos entre todas as papeletas depositadas nas urnas. Os 8 restaurantes e bares disporán de papeletas e urnas para facilitar a participación na elección do Mellor Pincho de Lamprea do Miño 2017.   

 Coñecedes a lamprea? 
 Neste 2017 a novidade foi achegar a pesca da lamprea aos escolares da Guarda. Polo que dende a Concelleria de Turismo organizouse a actividade didáctica “Coñecedes a lamprea?”, dirixida aos alumnos de 6º de primaria. Durante unha hora os nenos  atenderon ás explicación de dous expertos, ainda que xoves pescadores do río Miño, Héctor Morais López e Ismael Sousa Alfonso que informaron aos escolares sobor da pesca no río Miño e, en especial, da lamprea que agora mesmo atópase en tempada. Máis de 50 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe “As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo, CEIP Manuel Rodríguez Sinde e do CPR San José, que pecharon esta xornada, asistiron a unha actividade que resultou un éxito debido ao interese mostrado polos escolares. Ademais puideron observar as diferentes redes que se empregan no río Miño, as medidas de seguridade esixidas, e para coñecer mellor a lamprea, houbo unha réplica deste ciclóstomo e unha lamprea viva nun viveiro.  

Dous pescadores guardeses do río Miño, xunto os alumnos e un profesor do CPR San José
Os pescadores Héctor Morais López e Ismael Sousa Alfonso informaron aos escolares sobor da pesca no río Miño e, en especial, da lamprea que agora mesmo atópase en tempada

 Despois da xornada que tivo lugar no Centro Cultural os nenos elaborarán na aula un debuxo coa temática “Desembocadura do Miño e a lamprea”. Estes debuxos exporanse nos restaurantes e cafeterías que participan na Ruta do Pincho da Lamprea do Miño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario