24 de mar. de 2017

A PASAXE (CAMPOSANCOS) A GUARDA

O alcalde da Guarda e o presidente da Cámara de Comercio de Tui fanse eco das demandas de mellora nas comunicacións das empresas da Pasaxe 

Neste encontro expúxose a problemática que teñen debido ás deficiencia nas comunicacións tanto de transmisión de datos como de telefonía, cunha velocidade real na súa conexión que é moito menor á contratada e cunha telefonía móbil que non chega a 3G  


O alcalde da Guarda - no centro da imaxe - e o presidente a Cámara de Comercio de Tui, reuníronse con representantes das empresas da zona da Pasaxe (Camposancos) que demandan melloras nas súas infraestruturas de comunicación
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Pasaxe (Camposancos)

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso Gestoso, visitaron este venres 24 de marzo a empresa Mecalia para reunirse con representantes das empresas da zona Pasaxe que demandan melloras nas súas infraestruturas de comunicación.  

 Neste encontro, no que se reuniron con representantes dos Estaleiros Joaquín Castro; da empresa Suministros Navais Santa Tecla, e de Mecalia, expúxose a problemática que teñen debido ás deficiencia nas comunicacións tanto de transmisión de datos como de telefonía, cunha velocidade real na súa conexión que é moito menor á contratada e cunha telefonía móbil que non chega a 3G. É unha situación que xa supón un problema para un particular, canto máis para unhas empresas deste tamaño.  

 Ante esta situación tanto o alcalde da Guarda como o presidente da Cámara de Comercio de Tui amosaron a súa completa disposición para buscar unha solución, o máis rápido posible, a un grave problema que impide que as empresas podan desenvolver con normalidade a súa actividade diaria.  

 Na reunión decidiuse, a proposta do presidente da Cámara de Comercio e co total apoio do alcalde, contratar un técnico experto que a vindeira semana realice un estudo e diagnóstico completo da problemática e que poda explorar as posibilidades e asesorar na busca de solucións. Tras este diagnóstico, nos próximos días, volveranse a reunir para valorar o informe do técnico, decidir cal é a mellor solución e poñela en marcha canto antes para que estas empresas conten cunhas comunicacións acordes ao seu tamaño e aos tempos que corren.

Ningún comentario:

Publicar un comentario