29 de mar. de 2017

OIA

CORES TOURÍS COMPROBA O REMATE DAS OBRAS DE MELLORA DO ENTORNO DA CASA CONSISTORIAL DE OIA EXECUTADAS A TRAVÉS DO PLAN HURBE  

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra destacou os case 60.000 euros de subvención a este proxecto que permite recuperar este área para uso e goce dos veciños   

En relación á provincia de Pontevedra o investimento executado a través do Plan Hurbe, dende a súa posta en marcha en 2010, foi de 46,36 millóns de euros, realizándose 29 actuacións en 25 concellos pontevedreses  

Na visita, José Manuel Cores Tourís - a dereita de imaxe - estivo acompañado da alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, e do xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, José Manuel González

Infogauda / Oia 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Oia para comprobar o remate das obras de mellora do entorno da casa consistorial executadas a través do Plan Hurbe. 

 Na visita, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, e polo xefe territorial de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en Pontevedra, José Manuel González. 

 Estes traballos executáronse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello de Oia a través do cal se destinaron case 60.000 euros de subvención para instalar novas cimentacións e pavimentos, así como axardinamento de todo o entorno, xestión de residuos e instalación dunha nova escultura conmemorativa.   

 “Con esta obra déuselle unha solución a todo este espazo que se atopaba degradado a causa do paso do tempo”, explicou José Manuel Cores Tourís, quen engadiu que “deste xeito poténciase un espazo para o uso e goce dos veciños, tendo en conta que se trata dun lugar cunha especial vinculación visual co océano atlántico e máis co Mosteiro desta localidade”.   

 Os traballos permitiron así remodelar os espazos circundantes á casa consistorial cun novo axardinamento e coa ordenación da zona, que conforma un miradoiro. Mellorouse tamén a estética das beirarrúas próximas e acomodáronse ao contorno do monumento, así como tamén se facilitaron condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Ademais, procedeuse ao saneado e limpeza da praza situada á esquerda do concello.  

 Por outra banda, no espazo posterior e á dereita da praza incorporouse unha varanda de aceiro galvanizado para mellorar a seguridade da balaustrada existente.  

 “A finalidade destas actuacións foi favorecer o tránsito e a mellora da accesibilidade ao regularizar o pavimento, o axardinamento e a seguridade, de maneira que o espazo poida usarse como miradoiro con todas as garantías”, engadiu o delegado territorial.  

 Plan Hurbe 
 A actuación visitada hoxe no Concello de Oia inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social. 

 Dende a súa posta en marcha, ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 157 actuacións, cun investimento total de 123 millóns de euros. Nesta mesma liña, ao longo de 2017 investiranse arredor de 10 millóns de euros no marco deste plan no conxunto de Galicia.  

 En relación á provincia de Pontevedra, o delegado territorial destacou que o investimento executado a través do Plan Hurbe foi de 46,36 millóns de euros, realizándose 29 actuacións en 25 concellos pontevedreses. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario