17 de abr. de 2017

GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia recibirá a Medalla de Honor da cidade pola súa contribución ás relacións entre o Galicia e Norte de Portugal 

Feijóo realizará este martes, unha visita oficial a Porto cunha axenda que inclúe actos de carácter científico, cultural e económico 

Visitará o Parque de Ciencia e Tecnoloxía e o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade de Porto, onde coñecerá as liñas de colaboración que, en materia de investigación e innovación, están a desenvolver as dúas rexións  

Entre os actos culturais destacan a ofrenda floral a Rosalía de Castro e unha visita á exposición do pintor catalán Joan Miró, na Casa de Serralves  

O titular do Goberno galego manterá un encontro coa Asociación Comercial de Porto no Palacio da Bolsa  

Son xa varias as visitas que Feijóo ten realizado ao país veciño, no compromiso por relanzar, modernizar e actualizar os vencellos entre os dous territorios

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
Foto: Xoán Crespo

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, invitado polo alcalde de Porto, realizará este martes día 18 de abril, unha visita oficial á cidade, cunha axenda que incluirá actos de carácter científico, cultural e económico.
 A visita comezará pola mañá na Câmara Municipal do Porto, onde Feijóo recibirá da man de Rui Moreira a Medalla de Honor da cidade –a maior condecoración da cidade- pola súa contribución ás relacións entre Galicia e o Norte de Portugal.
 Este recoñecemento súmase ao recibido polo titular da Xunta o pasado ano, cando o presidente de Portugal lle outorgara a Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique, unha das máximas condecoracións que concede a Presidencia da República para agradecer, con motivo do Día de Portugal, os servizos prestados na expansión da cultura portuguesa, a súa historia e os seus valores.
 Posteriormente, o titular da Xunta visitará o Parque de Ciencia e Tecnoloxía e o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, I3S, da Universidade de Porto, onde coñecerá de primeira man as liñas de colaboración que, en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, están a desenvolver as dúas rexións.
 Entre os actos culturais destacan a ofrenda floral a Rosalía de Castro, que terá lugar xunto á estatua da escritora galega, na praza de Galicia, e unha visita á exposición do pintor catalán Joan Miró, na Casa de Serralves.
 O presidente do Executivo galego concluirá a súa visita oficial cun acto coa Asociación Comercial de Porto, no Palacio da Bolsa, onde impartirá unha conferencia.
 Desde a súa chegada á Xunta en 2009, son xa varias as visitas que o presidente do Goberno galego realizou ao país, no compromiso por relanzar, modernizar e actualizar os vencellos entre Portugal e Galicia, potenciar ambas as culturas e afianzar a amizade e a cooperación entre os dous territorios veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario