20 de abr. de 2017

GOIÁN (TOMIÑO)

Avento Producións chega o sábado a Tomiño coa obra “Como sobrevivir a unha apocalipse zombi”  

A actuación está dentro da programación cultural de primavera do Concello de Tomiño,  e terá lugar no auditorio de Goián, o sábado 22 de abril, ás 22.00 horas     

Infogauda / Goián

 Avento Producións Teatrais chega o vindeiro sábado a Tomiño (Auditorio de Goián) co espectáculo “Como sobrevivir a unha apocalipse zombi”, unha obra en ton de comedia, que se desenvolve a modo de máster class. Con moita participación do público, ensináselle ao público, a sobrevivir ante a proximidade dun apocalipse zombi.     

 Avento Produccións, unha das tres compañías viguesas que colaboraron na produción, baixo a dirección de Manuel Pombal, trae este espectáculo, cos seus actores Marcos Alonso e Xoán Abreu, acompañados ademais por Bea Campos, de Triatreros, e Suso Pando, de Fulano, Mengano e Citano.     

 Trátase dunha obra interactiva, na que os actores precisan da participación do público. Así, dividen o aforamento en dous grupos. Os espectadores deciden que nome reciben e despois loitan entre si. É un xogo no que os actores van facendo preguntas e probas, repartindo un programa de sala no que se realizan as puntuacións que o propio público se outorga.     

 Como sobrevivir a unha apocalipse zombi é unha versión do aclamado éxito británico “How to Survive a Zombie Apocalypse”. A produción galega é a primeira montaxe do texto que se fai na Península.  

 A actuación está dentro da programación cultural de primavera do Concello de Tomiño. A función terá lugar no auditorio de Goián, o vindeiro sábado 22 de abril, a partir das 22.00 horas, podéndose adquirir as entradas dende unha hora antes en taquilla.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario