18 de abr. de 2017

LABORAL

Preto de 30 colectivos súmanse á manifestación do venres en Chapela en apoio do persoal de Pescanova 

A marcha arrincará das catro pontes ás 20:00 horas e ramatará diante das instalacións da empresa

Representantes das organizacións que decidiron sumarse á mobilización compareceron no Concello de Redondela diante dos medios de comunicación acompañados/as do alcalde
Foto: CIG

Infogauda / Redondela

 Un total de 29 organizacións sociais, veciñais, deportivas, culturais, políticas e sindicais de Redondela amosaron o seu apoio público á manifestación que este venres día 21 de abril, percorrerá as rúas da parroquia de Chapela en solidariedade coa loita do cadro de persoal de Pescanova. A marcha, que hoxe foi presentada en rolda de prensa polos colectivos promotores, arrincará das catro pontes ás 20:00 horas e rematará diante das instalacións da empresa de alimentación.

 Representantes das organizacións que decidiron sumarse á mobilización compareceron no Concello de Redondela diante dos medios de comunicación acompañados/as do alcalde para lembrar que o conflito laboral que se vive en Pescanova por mor da renovación dos convenios colectivos dos distintos centros de traballo “ten un alcance social e humano moi importante xa que os traballadores/as ven ameazado o seu futuro dunha forma inxusta”.

 Neste senso, lembraron que a dirección aprovéitase da situación económica xeral para aplicar recortes nos dereitos dos empregados/as, “o que constitúe un novo ataque contra o conxunto da clase traballadora”. É por iso que trasladan publicamente o seu apoio “moral e efectivo” a todas as reivindicacións do cadro de persoal da compañía de alimentación e fan un chamamento á veciñanza de Redondela a participar na manifestación.  

 “A crise que padece a empresa foi creada pola nefasta xestión dos seus directivos/as, mais agora pretenden que os que paguen sexan os traballadores/as; reparten as perdas entre todos/as, pero cando houbo beneficios non o fixeron”, critican.  

 Agardando unha resposta da mediación  
 Ao remate da rolda de prensa os representantes dos catro sindicatos maioritarios en Pescanova (CIG, CUT, UGT e USO) aproveitaron para lembrar que continúan ás espera de que a mediación laboral se pronuncie sobre a última proposta achegada polas partes o pasado martes. “Supoñemos que nos vindeiros días teremos unha resposta, xa que entendemos que o proceso non pode eternizarse”.  

 No caso de que unha vez analizadas as últimas propostas continúe sen pecharse un acordo para renovar os convenios as centrais convocarán novas mobilizacións, tal e como decidiron os traballadores/as na asemblea celebrada o pasado día 8 de abril en Redondela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario