19 de abr. de 2017

MOBILIDADE

A Deputación de Pontevedra convoca a Mesa Provincial da Bicicleta 

A xuntanza terá lugar o mércores 26 no Pazo provincial e están convocados unha decena de colectivos e institucións 


Infogauda / Pontevedra

 Co gallo do Día da Bicicleta, que se celebra o 19 de abril a nivel mundial, a Deputación de Pontevedra súmase ás reivindicacións propias desta xornada, entre as que destacan a promoción do uso deste medio de transporte, e a defensa dos beneficios que reporta para a saúde e para a mobilidade sostible.  

 En concordancia con estes postulados, o departamento provincial de Mobilidade ten programada para o vindeiro 26 de abril a primeira xuntanza da Mesa Provincial da Bicicleta. Á esta reunión están convocados unha decena de colectivos e institucións, entre as que se contan, ademais da propia Deputación - representada polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez -, a Dirección Xeral de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Federación Galega de Ciclismo, ‘Cero emisiones, ‘Rurban', ‘Arousa en bici', Bicicleando', ‘A golpe de pedal', e ‘Pedaladas'. A xuntanza terá lugar o vindeiro mércores pola mañá no Pazo Provincial.  

 A Mesa Provincial da Bicicleta é unha iniciativa que se concibe como un punto de encontro para que asociacións e administracións poidan traballar de xeito conxunto na mellora das estradas e a prol dunha correcta convivencia entre os diferentes tipos de desprazamentos e dun cambio de usos cara a mobilidades cotiás máis amables. Enmárcase, ademais, nunha política de Mobilidade en consonancia coas demandas urbanísticas, medio ambientais e sociais de máximo respecto ao territorio e ao patrimonio construído e de proporcionalidade entre medios e fins.  

 Esta primeira convocatoria inclúe entre os principais puntos na orde do día a presentación da Mesa Provincial da Bicicleta como órgano de participación e consulta cidadá; a promoción da rede EUROVELO a Galicia; os puntos de intervención básica na rede provincial de estradas; e o plan provincial de itinerarios pola Mobilidade en Bicicleta.  

 A convocatoria responde ademais ás demandas plantexadas na xuntanza do pasado verán e que servira como unha primeira toma de contacto entre a Deputación e diversos colectivos para impulsar esta iniciativa. Xa naquel momento, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez insistira en que "a Deputación debe liderar un debate público sobre a necesidade de crear unha rede de itinerarios nos que a mobilidade ciclista poida servir, por unha banda, para facilitar os desprazamentos cotiás de todo o mundo e, por outra, funcionar como elemento atraínte para o turismo e lecer."  

 Naquela primeira toma de contacto, Benítez asegurara que "a nosa proposta é crear unha rede provincial de itinerarios ciclistas. Teremos que falalo e concretaremos por onde se podería trazar esa rede, pero debe ser nun encontro no que se senten máis axentes dos que había nesta mesa hoxe." Así, baixo estas premisas ampliouse a convocatoria a todos os axentes implicados tanto a nivel institucional como de grupos de persoas usuarias a nivel provincial

Ningún comentario:

Publicar un comentario