16 de maio de 2017

EDUCACIÓN

MÁIS DUN CENTO DE ESCOLARES DO CEIP MANUEL GARCÉS DE TOMIÑO, XOGAN, INVESTIGAN E DIVÍRTENSE NA EXPOSICIÓN SOBRE TONUCCI, DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 

A mostra ‘Imaxinar a educación.50 anos con Frato’ serviulles a pequenos e pequenas para coñecer as viñetas do pedagogo italiano e experimentar nos apartados interactivos distribuídos en 1.500 metros cadrados  

Máis dun cento de rapaces e rapazas de Educación Infantil do CEIP Manuel Garcés do concello de Tomiño realizaron unha visita á exposición 'Imaxinar a Educación.50 anos con Frato'
Fotos: D. P.

Infogauda / Tomiño

 Máis dun cento de rapaces e rapazas de Educación Infantil do CEIP Manuel Garcés do concello de Tomiño realizaron na mañá de hoxe unha visita á exposición 'Imaxinar a Educación.50 anos con Frato' que a Deputación de Pontevedra mantén aberta no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alí puideron coñecer as viñetas máis representativas de Francesco Tonucci, que aportan unha visión do mundo moi crítica da educación como das cidades a través dos ollos das crianzas, e tamén participaron do grande espazo de xogos que é a exposición para desenvolver libremente a súa autonomía, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír.  


 Os escolares coñeceron os dez espazos expositivos diferenciados da mostra que animan á interacción e a pasar un tempo de entretemento e reflexión. Os dous primeiros espazos son unha selección das mellores viñetas e orixinais do autor, para despois desenvolver outras áreas do máis divertido e interactivo para os visitantes: o da bicicleta, espazo para gozar, investigar e aprender (onde se permite montar e desmontar as bicis e coñecer o seu funcionamento); o espazo das construcións chamado ‘Pequenas pezas, grandes creacións’ e o dos xoguetes, onde se demostra que a xogar non se aprende, pero xogando apréndese.  

 Por outra banda, estiveron no espazo ‘Teño unha idea. Propostas para seguir inventando’, onde a partir as palabras, as formas e as accións os visitantes puideron compartir as súas creacións -debuxos, escritos,...- e expoñelas na propia sala. Finalmente, na zona de natureza, seguindo a metodoloxía de Francesco Tonucci, realizaron un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo. Nesta zona hai un herbario, peixes de cores, unha piscina na que experimentar como os elementos flotan ou afunden, e como a auga pode funcionar como 'pegamento'. Incluso hai un composteiro no que as pequenas e pequenos puideron ver como se pode tirar proveito do lixo orgánico para producir un fertilizante natural de grande calidade como é o compost. Tamén hai dous areeiros nos que experimentaron deixando as súas pegadas e simularon as de diferentes animais. 

 Tiveron tempo para participar do espazo do ‘consello dos nenos e nenas’, a ágora do Pazo da Cultura, onde debateron sobre temas tan actuais como que modelo deben seguir as cidades para converterse nas cidades dos nenos e nenas que propón Tonucci, ou a necesidade de deberes e actividades extraescolares. 

 Esta visita enmárcase dentro das actividades concertadas entre a Deputación e os centros escolares de toda a provincia e que permitirán a case 3.700 nenos e nenas participar de visitas á exposición ‘Imaxinar a Educación.50 anos con Frato’ e dos roteiros a cargo de Migallas Teatro, que dan a coñecer Pontevedra, cualificada por Tonucci como un exemplo da perfecta cidade dos nenos e nenas, a través de xogos no espazo público gañado aos coches. 

 A mostra está tamén aberta ao público, de balde, durante todos os días da semana nos seguintes horarios:  

Luns: de 10 a 14 horas.  
Martes a Venres: de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Sábados: de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas. Domingos: de 11 a 14 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario