19 de maio de 2017

GALICIA

PRADO (PARLAMENTARIA DO BNG) ADVIRTE QUE A  FALTA DE MEDIOS  CONTRA O NARCOTRAFICO OBRIGARÁ Á CIDADANÍA A LOITAR  COMO NA DÉCADA DOS 80

A redución de persoal, embarcacións e medios aéreos do Servizo de Vixilancia Aduaneiro dificultan os labores de loita contra o narcotráfico e redundan no desmantelamento do SVA de Galiza

Montse Prado, parlamentaria do BNG no Parlamento galego

Infogauda / Santiago de Compostela

 A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a intención do Goberno español de eliminar o único helicóptero do que dispón o Servizo de Vixilancia Aduaneiro en Galiza e a redución constante de persoal e embarcacións para a loita contra as tramas do narcotráfico.  

 A deputada cualificou de grave a situación e afirmou que de non incrementar os medios materiais e humanos a cidadanía verase obrigada a “loitar contra o narcotráfico como na década dos 80” e preguntou se  eficiencia para loitar contra o narcotráfico resolvese con máis  medios materiais e humanos ou ben “en  conversas do Presidente da Xunta  nun iate pola ría de Arousa”, con amizades perigosas.   

 Pola súa parte, o director Xeral de Emerxencias respondeu á nacionalista que Galiza non conta con competencias nesta materia ao que a parlamentaria replicou que o “goberno galego non as ten, non as quere nin as  reclama” e criticou que o responsable da Xunta negara a eliminación de medios porque en realidade, dixo, “foron suprimidos dous helicópteros, as lanchas contan con máis de 30 anos, o persoal está próximo ao 60 anos” e con estes medios, dificilmente a loita contra o narcotráfico pode ser eficaz. 

 Prado lembrou que hai dous anos, un deputado do Partido popular afirmou en sede parlamentar que non sería eliminada ningunha lancha de vixilancia e “non tardaron nin dous meses en facelo”. Moito me temo, advertiu , que hoxe vostede volve a facer o mesmo, anuncia que o helicóptero de Vigo non será eliminado e non tardaremos en comprobar que unha vez máis, “o Partido popular volve a enganarnos”. 

 O helicóptero de Vigo, explicou, ten unha autonomía de dúas horas e está previsto o seu traslado compartido con Baleares, no caso de ter que actuar nas costas galegas comprobaremos que non é posible. Se en Galiza tiveramos un goberno galego que exercera como tal, debería opoñerse a esa decisión e exixir medios e recursos para que os galegos e galegas non estiveramos “indefensos ante a lacra do narcotráfico. 

1 comentario:

  1. En vez de ir a mais vamos a menos.... que vergoña ,ter menos medios que nos anos 80.E os cuartos nos bolsos da panda de "chourizos" que aparecen cada dia!.Penoso.

    ResponderEliminar