17 de xuño de 2017

GOIÁN (TOMIÑO)

O CONCELLO DE TOMIÑO MERCA UNHA FINCA DO BISPADO EN GOIÁN, PARA CREAR UN PARQUE

O INVESTIMENTO PERMITIRÁ GOZAR DUNHA ZONA VERDE DE LECER, AOS USUARIOS DAS INSTALACIÓNS PRÓXIMAS

En cor verde craro, o perímetro da finca mercada o Bispado de Tui-Vigo polo Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Goián

 O Concello de Tomiño vén de adquirir ao Bispado de Tui-Vigo, unha parte da finca da antiga Reitoral, que permitirá facer realidade unha vella aspiración do goberno local. 

 Trátase dunha carballeira duns 7.000 (sete mil) metros cadrados, situada entre a actual Escola de Música e a igrexa parroquial. Logo dun tempo de negociación, acadouse un acordo por importe de 50.000 euros, xa incluídos nos orzamentos deste ano.  

 A división da actual carballeira fíxose tendo en conta a orografía do terreo, deixando unha parte para a Reitoral. Para o acondicionamento e peche da futura zona verde destinaranse 200.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación.  

 O acondicionamento da carballeira coma gran parque no centro urbano de Goián, é unha das actuacións previstas na “Modificación Nº 8 do PXOM relativa á configuración de espazos públicos e usos no núcleo urbano de Goián”, cuxa aprobación provisional foi tratada no pleno de onte.  

 A obra permitirá a comunicación peonil entre a zona dos equipamentos (auditorio, escola de música, pavillón de deportes e Campo de Fútbol O Regatiño) e o centro do pobo. Ademais, o futuro parque servirá de zona verde de lecer e descanso para a veciñanza, especialmente, para os usuarios da Escola de Música, que o terían xusto ao lado do edificio onde se imparten as clases.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou a súa satisfacción polo acordo acadado co Bispado, e agradeceu a vontade deste e do párroco de Goián, para contribuír a que este espazo verde tan céntrico, poida ser disfrutado por todos os veciños e veciñas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario