20 de xuño de 2017

GOIÁN (TOMIÑO)

A AULA MUSEO ANTONIO FERNÁNDEZ, DE GOIÁN, SACA A ARTE Á RÚA 

ACTIVIDADES PARA TODO OS PÚBLICOS, CON VISITAS A ARTISTAS LOCAIS, FOTOGRAFÍA E OBRADOIROS DURANTE XULLO E AGOSTO

Aula-Museo Antonio Fernández, en Goián
Foto: C.T.

Infogauda / Goián

 A Aula-Museo Antonio Fernández, creada hai uns anos nas antigas escolas de Goián (Tomiño), organiza, por primeira vez, unha serie de actividades de verán, relacionadas coa arte, pensadas tanto para público adulto, coma infantil, con saídas á rúa e visitas a artistas locais (pintores, escultores, etc.), fotografía e obradoiros temáticos. 

 Ademais, a exposición titulada “Bosquexos, apuntes e debuxos” do recoñecido pintor goianés Antonio Fernández, poderá visitarse entre o 5 de xullo e o 31 de agosto.


 Con respecto ás actividades artísticas, os xoves 6 e 20 de xullo, e 3, 17 e 31 de agosto, ás 20.00 horas, celebrarase a “Ruta das Artes e Oficios”, con punto de reunión e saída na propia Aula. A primeira visita será á pintora Eulalia Jackson (6 de xullo), seguida do artesán Leandro e o seu taller de cerámica (20 de xullo); o escultor Magín Picallo (3 de agosto); Fundición Arte Bronce e Galería de Arte a+b (17 de agosto), e escultor Carlos Fernández (31 de agosto).  

 Tamén haberá dúas saídas para nenos (de entre 6 e 12 anos), os xoves 13 e 27 de xullo, de 11.00 a 13.00 horas. A primeira será unha ruta fotográfica e a outra  xirará arredor do tema “caderno de artista”.  

 Por último, os venres de xullo e agosto a Aula-Museo estará aberta de 10.00 a 14.00 horas, para acoller dous obradoiros: de Historia del Arte (adultos) e “Érase unha vez a arte” (nenos e nenas de 6 a 12 anos).  

 As actividades da Aula complementaranse co Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, que terá lugar o domingo 20 de agosto no Espazo Fortaleza.  

 As concellerías de Cultura e Mocidade coordinan conxuntamente o programa de actividades da Aula-Museo. Fátima Rodríguez, titular da última, explica que o obxectivo desta iniciativa é achegar a arte á veciñanza, a través dos propios artistas e artesáns locais, e brindar, ao mesmo tempo, unha alternativa de ocio e formación ás persoas, durante as vacacións de verán; especialmente a aquelas familias que traballan e teñen nenos e nenas en idade escolar.     

 Prazo de inscrición  

 Dende o día 15 de xuño están publicadas na páxina web do Concello as solicitudes para realizar a inscrición nesta actividade artística e tamén en todos os cursos e obradoiros destinados á mocidade/persoas adultas e/ou nas actividades deportivas, artísticas e campamentos de verán para a infancia (tomino.gal/veran-2017/). Ademais de realizar as inscricións on line, tamén pódese pasar pola OMIX (no edificio do antigo centro médico) e cubrir os impresos en formato papel, e achegar a documentación e autorizacións pertinentes.  

 Máis información en cultura@tomino.gal, www.tomino.gal ou chamando ao teléfono 986 622 001. As prazas son limitadas ata completar aforo.     

 Cursos gratuítos para a mocidade  

 Ademais dos obradoiros artísticos para nenos e nenas e adultos, haberá 11 propostas máis, 7 delas de balde, dedicadas á poboación moza. O Concello aposta para este tramo de idade en propostas máis arriscadas e novidosas como o Flayboard, Paddleboard, Esquí/Wakeboard, Kayak (estas catro son de pago); Iniciación á música electrónica, obradoiro de Coworking, Cociña saudable e Graffiti; cursos básicos de Xaponés e Lingua Italiana, etc. (gratuítas). 

 Información e inscricións: omix@tomino.gal ou www.tomino.gal/reacciona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario