23 de xuño de 2017

O ROSAL

O BNG expón os seus criterios de mobilidade ao comercio do Rosal      


Ánxela Fernández, concelleira do BNG no Concello do Rosal e Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade, na presentación os veciños e comerciantes rosaleiros, do proxecto que o BNG defende para construir un futuro mellor para o Rosal e o entorno do Calvario
Fotos: BNG


BNG / O Rosal

 O BNG do Rosal fai unha valoración moi positiva do acto informativo celebrado o día 20 de xuño, polo que se expuxo diante dos veciños e comerciantes cal é o modelo e o proxecto que o BNG defende para construir un futuro mellor para o Rosal e o entorno do Calvario.  

 Para elo contouse coa presenza de Uxío Benítez que está aplicando este modelo directamente na transformación do Concello de Tomiño, como tenente alcalde, e na Deputación de Pontevedra como deputado provincial de Mobilidade.  

 Desde o BNG do Rosal consideramos fundamental dialogar e escoitar permanentemente a veciñanza e os comerciantes para tomar nota sempre das súas ideas, críticas ou cuestións co obxectivo de realizar unha oposición constructiva e coherente por e para os rosaleiros. Defendemos que calquera decisión na xestión debera pasar sempre por un proceso de diálogo, debate e escoita da veciñanza e dos comerciantes.  

O público seguiu con atención á presentación que tivo lugar nos baixos do Concello do Rosal

 Por iso queremos amosar a nosa desconformidade coa actuación do goberno municipal, responsábel de que unha parte importante dos comerciantes e do asociacionismo non estivese presente na importante reunión que os técnicos da empresa responsábel do estudo de mobilidade da Deputación tiveron recentemente. Non concordamos con este modelo de actuación do goberno do Partido Popular. Para nós é fundamental que o goberno conte coa cidadanía e fomente, alente e incentive a súa participación en calquera proceso.  

 Sen máis, agradecemos a boa disposición do Deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez e a asistencia e participación de todos os veciños e comerciantes que asistiron ó acto, actores necesarios e imprescindíbeis para calquera mellora do noso pobo.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario