10 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

MOSQUERA: “SOCIALMENTE A COMPOSTAXE É UNHA BATALLA GAÑADA”  

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra participou hoxe no reparto de compost e plantas na Ferrería organizado pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o Día do Medio Ambiente, que foi un “éxito total”  

Veciños e veciñas demostraron un grande interese polo funcionamento da compostaxe preguntando as súas dúbidas aos mestres e mestras composteiras que participaron no evento   

César Mosquera - no centro da imaxe - vicepresidente da Deputación, con Carmen da Silva, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, e Xosé Leal, deputado provincial de Cultura
Fotos: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 “Socialmente a compostaxe é unha batalla ganada e creo que podemos estar todos orgullosos de ter chegado a este punto de concienciación social”. Así o manifestou hoxe o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, ante o “éxito total” do reparto de mostras de compost e plantas organizado dende a institución provincial e o Concello de Pontevedra para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, no que se repartiron 4.000 lotes.  


 A cola habilitada pola organización estivo aberta ata aproximadamente as dúas da tarde. Veciños e veciñas, e incluso turistas, achegáronse dende as once da mañá moi interesados en recoller a súa bolsa de compost e coñecer máis sobre como se produce a transformación do lixo orgánico que se xera nas casas –restos de comidas e vexetais- en fertilizante natural.   


 Unha ducia de mestres composteiros contestaron todas as preguntas da veciñanza ao tempo que entregaban as bolsas e as plantas, mentres que outros dous –cunha maqueta dun centro de compostaxe comunitaria diante- contestaban as consultas dos que, unha vez xa recollidos os seus lotes, pedían aínda máis información sobre, por exemplo,cando se vai implantar o sistema de compostaxe de xeito definitivo no concello de Pontevedra ou como se utilizan os composteiros individuais. Todos os comentarios da veciñanza unha vez manexado o compost foron positivos.   

 O vicepresidente Mosquera lembrou que a Deputación e o Concello organizaron o reparto para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, mais subliñou que “se compostamos os biorresiduos e restos de poda que xeramos nas nosas casas ou negocios, estaremos facendo todo o ano do Medio Ambiente”. O nacionalista destacou que, coa posta en marcha do Plan Revitaliza da Deputación de compostaxe, ao tratar os residuos orgánicos das casas nos composteiros,estase a facer “un enorme traballo” para protexer o medio ambiente nun doble sentido: por un lado non contaminando (deixando de transportar e incinerar lixo, coa consecuente redución de CO2) e por outro rexenerando solos para estean en mellor estado co compost, que funciona como emenda orgánica.  


 Con respecto ao interese que xerou o reparto –que se prolongou no tempo pola cantidade de preguntas dalgunhas persoas-, Mosquera manifestou sentirse “admirado” da conciencia social que existe sobre a compostaxe. “O que se ve hoxe aquí, e o que se está a ver todos os días nos composteiros, demostra que hai unha demanda social enorme que as administracións temos que canalizar e dar resposta canto antes”, asegurou, para destacar que a participación e a implicación mostrada pola cidadanía no Plan Revitaliza “fainos ser moi optimistas con respecto ao novo sistema de tratamento de residuos que, aínda que teña algunha dificultade, con este apoio e demanda social vai ser moi fácil, irreversible e permitiranos ir ao ritmo que poidamos poñerlle administrativamente”.   

 Pola súa banda, a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carmen da Silva, tamén reiterou que, a pesares dos milleiros de pontevedreses e pontevedresas que hoxe pasaron pola Ferrería a recoller compost, “a boa resposta da xente ante a compostaxe onde se nota realmente é no bo funcionamento que están a ter os centros de compostaxe comunitaria que están instalados en diferentes puntos do municipio”.  


 Da Silva subliñou que o compromiso social “é enorme” e que hai demanda real para que o sistema se implante máis rápido e se instalen máis centros de compostaxe comunitariade inmediato. “A persoa que está dando explicacións coas maquetas non para un só minuto, e realmente isto demostra que hai unha preocupación polo cuidado do ambiente e que a xente se implica nestas cousas porque entende que é unha mellora para a calidade de vida e un compromiso coa sociedade e o futuro. Nunca decepciona a sociedade de Pontevedra. É un regalo que teñamos unha xente tan disposta a colaborar e comprometerse en iniciativas deste tipo”, finalizou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario